
La cámara de Claire
클레어의 카메라
Isabelle Huppert, Kim Min-hee, Shahira Fahmy, Jang Mi-Hee, Jeong Jin-Yeong
- 69 minutos
Durante unha viaxe de negocios ao Festival de Cannes, Manhee é despedida pola súa xefa por unha cuestión de celos. Por sorte, coñecerá alí unha profesora chamada Claire, que fai fotos cunha Polaroid. Cada unha delas ten unha peculiar visión da vida e xuntas lograrán entender os seus mundos.
A nova película de Hong Sang-soo (Ahora sí, antes no; En la playa sola de noche) rodouse durante o Festival de Cannes de 2016 e estivo na Sección oficial fóra de competición un ano despois. Protagonizada por Isabelle Huppert e Kim Minhee, La cámara de Claire foi saudada como unha das películas máis entretidas e accesibles do seu director. (La Aventura Audiovisual)
-
Hong Sang-soo: atrapado en el tiempo
Análise da narrativa do surcoreano en que se repasa a súa filmografía, por Henrique Lage (Détour)
Trailer do filme
Versión orixinal subtitulada
Hong Sang-soo presenta a mellor ruta cinéfila por Cannes: pasar do festival olimpicamente para amar, beber e cantar con Isabelle Huppert e Kim Min-hee
Daniel de Partearroyo (Cinemanía)
Ao ritmo que vai Hong Sang-soo aumentando a súa filmografía –La cámara de Claire só é a segunda das tres películas que fixo o ano pasado; en 2018 xa leva outra–, faise cada vez máis necesaria unha carta de navegación para orientármonos entre os seus títulos; esas leas amorosas enchoupadas en soju e malas decisións que vistas dende lonxe poden chegar a se confundir, mais que, malia a súa aparencia semellante, cada unha é tan irrepetible (e deliciosa) coma un bocado de gimbap. Segundo o ton narrativo, a época da rodaxe, o punto de vista do personaxe principal, a ambientación ou a textura da imaxe –Hong alterna con habelencia filmes en cor con outros en branco e negro– poden trazarse varias clasificacións. Por exemplo, La cámara de Claire entraría no grupo de comedias agridoces de tempada primavera-verán con protagonista feminina e ambientación de praia.
Durante o Festival de Cannes de 2016, Hong aproveitou que Isabelle Huppert e Kim Min-hee estaban alí e rodou con elas practicamente ao voo a película menos “cannoise” que hai. Aínda que se ambienta durante o certame e dentro do mundo do cine –Kim é unha axente de vendas despedida en pleno festival tras unha lea amorosa cun cineasta; ambos coñecen ao azar o personaxe de Huppert, unha turista que visita Cannes “por primeira vez” (risos)–, os seus tempos e espazos son alleos por completo ao frenesí circense do Palais des Festivals. Quizais só Hong sexa quen de atopar á beira da Croisette unha biblioteca onde ler un poema de Marguerite Duras ou un can enorme somnolento ao que acariñarlle o lombo; é cuestión de se fixar e prestar atención aos detalles. Como acontece con este filme, lixeiro e volátil en aparencia, que podería incluír un dos dispositivos narrativos máis radicais do coreano. Fixácheste en como muda a historia cada vez que Claire usa a súa cámara?