Jennie
Portrait of Jennie
Jennifer Jones, Joseph Cotten, Ethel Barrymore, Lillian Gish
- 86 min.
Nun Central Park nevado e deserto, o pintor Adams ten un breve encontro cunha nena que leva un vestido de comezos de século e que di chamarse Jennie Appleton. Cando a volve ver en primavera, Jennie é xa unha adolescente.
- Ano:1948
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Paul Osborn, Peter Berneis (Novela: Robert Nathan)
- Fotografía: Joseph H. August
En 'William Dieterle. Antifascismo y compromiso romántico'
Hervé Dumont
Con Portrait of Jennie, o noso cineasta entrega a súa obra máis notable -e a máis coñecida- de posguerra, pero tamén a de rodaxe máis esgotadora, por non dicir de pesadelo. Esta cima do onirismo no cine, que Luis Buñuel colocará entre as súas dez mellores películas do mundo, requerirá dous anos de traballo e determinará a sorte de Selznick International. En canto a Hitchcock lle cantan a primeira claqueta de The Paradine case, Selznick concentra os seus esforzos nun estraño e fráxil relato de Robert Nathan aparecido en 1940, susceptible de destacar a beleza luminosa da súa ninfa (Jennifer Jones). A MGM acaba de deixar libre a opción dos dereitos e, en maio de 1944, Selznick os adquire por 15.000 $. A Ben Hecht e Dieterle se lles pide que interrompan os seus traballos preliminares sobre Sarah Bernhardt, outro megafilm histórico destinado a Jennifer Jones. Coa intención de reducir os seus gastos despois das exuberancias de Duel in the Sun, Selznick opta por un argumento máis ben intimista, de pequeno orzamento e en branco e negro: o amor, con consecuencias estéticas e filosóficas, entre un pintor e un fantasma. A maxia, o fatalismo e a melancolía desta historia seducen tamén a Dieterle, ó que se lle encarga imediatamente a responsabilidade de dirixila; acepta a condición de elixir el mesmo ó seu director de fotografía, que non é da casa: Joseph H. August, o orfebre de Hunchback of Notre Dame e The Devil and Daniel Webster.
(...) Como Portrait of Jennie se desenvolve na costa Este, Selznick decide con bo xuízo rodar a maior parte da película en New York, lonxe da imaxinería de Hollywood. Pero o transporte dun amplo equipo técnico ó outro lado do continente, a 5.000 kilómetros das oficinas de Culver City, aumenta os costes. Todo o mundo bota de menos o calor californiano e as comodidades do estudio. Dieterle comeza o traballo o 14 de febreiro de 1947, na neve, na pista de patinaxe de Central Park en Manhattan. Pero o tempo é imprevisible, a luz de inverno demasiado crúa para ser máxica, e Selznick non está satisfeito co guión. Pola noite, Dieterle vólveo escribir seguindo as instruccións telefónicas do xefe (...). Hai un segundo equipo, aparcado en Boston Harbour desde o 2 de marzo, para filmar a tempestade final. Dieterle vai e vén. Ródase no faro de Graves End Light cun frio glacial. Despois dalgúns meses de espera, a tempestade rodada é calquera cousa menos impresionante. Selznick ordea a interrupción xeral das operacións. Gastáronse xa 500.000 $ e só hai 10 minutos de película útil.
O novelista Paul Osborne tarda cinco semanas en reestructurar o relato, e o traballo volve empezar a finais de abril. (...) A maior parte das tomas termínanse en decembro de 1947, despois de volver filmar moitos exteriores en Culver City, Hollywood. Os costes foron rebasados de xeito catastrófico. Alternando benzedrina e barbitúricos, tan pronto arrogante como desordenado e dubitativo, Selznick debátese por chegar ata o final. Paga 160.000 $ polos dereitos de utilización dos fragmentos de Debussy que Dimitri Tiomkin tarda seis meses en seleccionar, adaptar e gravar. O 25 de setembro, Dieterle perde a un amigo inestimable, víctima dese estrés sobrehumano: trala delicada posta a punto dun travelling, Joseph H. August sucumbe a un infarto. (...) Lee Garmes (que acaba de terminar The Paradine case) debe reemprazar a August. As escenas adicionais, retakes e múltiples efectos especiais duran toda a primavera, seguidos de outras correccións ata o 9 de outubro de 1948.
Cando a película se estrea, por fin, en Los Angeles, o 25 de decembro, as críticas son tan moderadas que Selznick retira o film do circuíto para volver traballar nel. Decide transformar a derradeira bobina nun «golpe» espectacular e se gasta 250.000 $ nos efectos especiais suplementarios realizados nos estudios Walt Disney: o furacán, teñido de verde con fogonazos vermellos e a súa xigantesca onda de fondo aparecen nunha pantalla ancha, antecedente do CinemaScope Cycloramic Screen, envoltos en son estereofónico (Cycloramic Sound).
O derradeiro plano do retrato de Jennie no Museum of Modern Art ródase en Technicolor. A nova versión estréase en New York o 29 de marzo de 1949: a obra causa entón certo efecto, pero só pode ser exhibida na súa nova forma nun número moi restrinxido de salas, equipadas para esta nova técnica. Balance: o guión foi reescrito integramente dúas veces e volveuse rodar case cada escena entre tres e cinco veces. Portrait of Jennie alcanzou un coste de 4.040.000 $, pero só recauda a cuarta parte. Unhas cifras máis ben desproporcionadas para unha obra que suxire quedo tempo e o espacio son só unha ilusión, que o onte e o hoxe se unen na mirada da diáfana Jennie...
Como unha desgracia nunca chega soa, este desastre financieiro é seguido do fracaso de The Paradine case, de Hitchcock, e na primavera de 1949 Selznick está arruinado. Pecha o estudio, subasta o seu equipo de producción, casa con Jennifer Jones e vólvese cara á inversión no estranxeiro de The third man, coproducido con Korda en Londres. O seu contrato con Dieterle é vendido a Hal B. Wallis.