Fanny y Alexander (Eps: 1-2-3)
Fanny och Alexander (Eps: 1-2-3)
Bertil Guve, Pernilla Allwin, Gunn Wållgren, Ewa Fröling, Jarl Kulle, Erland Josephson, Allan Edwall, Börje Ahlstedt, Mona Malm, Gunnar Björnstrand, Jan Malmsjö, Mats Bergman, Lena Olin, Peter Stormare
- 161 minutos
1907, Uppsala. A historia familiar dos Ekdahis, que se dedican ao teatro e teñen dous fillos cos que viven felices, Fanny e Alexander. Cando o pai morre de xeito súbito, a nai casa ao pouco cun bispo moi conservador e iso mudará as súas vidas.
- Ano:1983
- Países de produción: Alemaña, Francia, Suecia
- Guión: Ingmar Bergman
- Fotografía: Sven Nykvist
- Montaxe: Sylvia Ingemarsson
- Produtora(s): Svenska Filminstitutet, Swedish Television, Personafilm, Gaumont
-
Fanny y Alexander, o los poderes de la representación
Crítica de Alberto Ruiz de Samaniego en FronteraD
-
The Kids Are Not All Right: Fanny and Alexander Thirty Years Later
Crítica de Marc Saint-Cyr en Senses of Cinema
Inspiracións para o filme
Fundación Ingmar Bergman
Bergman conta en Images: My Life in Film: “Fanny y Alexander ten dous “padriños”. Hai [...] unha ilustración das historias de E. T. A. Hoffman que se me aparecía unha e outra vez, unha imaxe de O crebanoces. Dous nenos escitados, pegados un ao outro no crepúsculo da véspera do Nadal, agardan impacientes a que as candeas da árbore se acendan e se abran as portas do salón. Foi esa escena a que me deu a idea de comezar Fanny y Alexander cunha celebración de Nadal. O segundo padriño é Dickens: o bispo e a súa casa, o xudeu na súa tenda de fantasías, os nenos como vítimas; o contraste entre a vida que florece fóra e un mundo pechado en branco e negro”.
Un terceiro padriño, ou máis ben un pai, é o propio Bergman de cativo. No seu traballo máis autobiográfico, deixa o terreo libre para as imaxes internas e externas da súa mocidade, a súa xente e lugares, e tamén baixo as esperanzas do mozo Ingmar, as súas percepcións e figuracións.
Os dous polos de Fanny e Alexander, a vivacidade da familia teatral en oposición ao estrito réxime da casa do bispo poden rastrexarse ata a propia infancia de Bergman. Por un lado, os seus anos mozos estiveron marcados por un “bo humor, obras de teatro, cancións, música, lecturas de poemas”, e, por outro, pola “austeridade, a moralización, a negación, a rixidez, a brutalidade”.
Escaravellar en todos os detalles autobiográficos do filme resultaría unha tarefa imposible. Aínda así, os máis impresionantes merecen, con certeza, mención. O apartamento dos Ekdahl, por exemplo, é case unha copia exacta do apartamento da avoa de Bergman en Uppsala. E a semellanza de Alexander co mozo Bergman, acentuada polo parecido físico case insólito que o actor Bertil Guve ten co director de neno, está fóra de toda dúbida. Os seus pasatempos (o teatro de monicreques e a lanterna máxica) son idénticos aos de Bergman.
Moitos dos outros personaxes tamén reflicten a infancia de Bergman. A avoa e matriarca Helena Ekdahl é en esencia un retrato afectuoso da propia e amada avoa de Bergman. E o seu fillo Carl semella ter moito en común co “tío Carl” que tiña o propio Bergman, cuxas excentricidades fican descritas con particular detalle n’ A lanterna máxica (primeira autobiografía de Bergman). A tata Maj garda algo máis que un parecido razoable coa do propio Bergman, Mait. E poderiamos seguir. [...]
Fanny y Alexander tense visto a miúdo coma un resumo de toda a carreira de Bergman e, indubidablemente, contén a maioría dos elementos máis familiares dos seus outros traballos: a relixión, a familia, o papel do artista etc. É pouco sorprendente, xa que logo, que se repitan varios personaxes e nomes familiares: Vergérus é un dos nomes recorrentes nos filmes de Bergman e o amigo da familia Ekdahl, Isak Jacobi, é case que idéntico a un personaxe dunha obra previa, Mig till skräck, un “vello estereotipo de rabino”.
A teor disto, o fascinante é que boa parte de Fanny y Alexander debera representarse nun contexto teatral, con referencias a dramaturgos tan próximos ao sentir de Bergman coma Ibsen, Shakespeare ou Strindberg. Malia os seus destacables logros como cineasta, Bergman mantivo consistentemente que era primeiro e ante todo un director de teatro, e moito do que hai en Fanny y Alexander dá peso adicional a esta aseveración.