Curtas 10º aniversario
- 60 min.
CORUÑA IMPOSIBLE. Paco Rañal, 1995. 12 min.
Curtametraxe galega máis votada
VEN A BENS. Sandra Sánchez, 1992. 14 min.
Vídeo documental galego máis votado
INFECCIÓN PALÚDICA. Juan Lesta, 1996. 6 min.
Vídeo ficción galego mais votado (ex aqueo)
NINFOGRAFIA. Ignacio Pardo, 1991.7 min.
Vídeo ficción galego maís votado (ex aqueo)
AS XOIAS DA SEÑORA BIANCONERO. Jorge Coira, 1993. 18 min.
Vídeo ficción galego maís votado (ex aqueo)
-
10º aniversario do CGAI: o mellor dunha década
Curtas 10º aniversario
Versión lingüística:VOFormato:VídeoEntrada gratuíta. Coloquio con: Manolo González, Paco Rañal, Sandra Sánchez, Juan Lesta, Ignacio Pardo e Jorge Coira.
- Ano:1991-1995
- Países de produción: España
Ó abeiro da Escola de Imaxe e Son
Eduardo Galán (Imaxes dunha década 1991-2001)
As mellores curtametraxes, documentais e creacións en vídeo elexidas na sondaxe feita polo CGAI explican dun xeito ilustrativo o que foi o audiovisual galego dos últimos dez anos: variedade de estilos e contidos, liberdade na narración, obras nacidas ó abeiro da Escola de Imaxe e Son da Coruña, ruptura coas temáticas das décadas anteriores, notable coñecemento cinéfilo e da historia audiovisual por parte dos autores galegos... Ademáis temo-la sensación de que as nosas obras melloran a media das feitas no resto de España e seguramente poderiamos atopar outros vinte ou trinta traballos igual de bos que os elexidos polos especialistas consultados.
Coruña Imposible, a mellor curtametraxe segundo a enquisa, é probablemente a obra audiovisual máis virtuosa que se fixo nunca en Galicia. A planificación e o traballo de cámara é excelente. Coruña é un labirinto escheriano en branco e negro moi contrastado, onde o protagonista interpretado por Roberto S. Luna tenta regresar a casa, á cama salvadora, sen conseguilo. O sentido do humor da fábula ideada por Rañal traballa con efectividade o terreo iconográfico: Luna fai a súa desesperada peregrinaxe espido como unha ánima en pena, un animal atrapado, ou un cristo desperezándose do soño da razón mentres os ánxeles de pedra da cidade tocan as súas trompetas na singular apocalipse do condenado. Ó eficaz tratamento da iconografía hai que engadir, gracias a un estativo especial para a cámara pensado polo equipo, unha forza expresiva inesquecible, o que xa é dicir moito nunha cinematografía tan nova como a nosa. Coruña Imposible obtivo moitos premios en festivais internacionais, destacando o do New York Film Festival.
Ven a Bens -mellor documental para os votantes da convocatoria- é unha fermosa e insólita mirada sobre o vertedoiro de lixo de Bens feita denantes de que o desastre o fixera tristemente célebre. O lixo semella ser teima favorita de Sandra Sánchez, que uns anos despois ía dirixir unha magnífica curta dramatizada, A Repesca, onde Josito Porto atopaba nos contenedores as pistas dunha macabra e delirante historia. Ven a Bens funciona de marabilla como un documental poético, xirando arredor da xente que vive do que desbotan os demáis. O vertedoiro é un submundo poboado por miles de gaivotas, seres marxinais de físicos rotundos e rapaces que teñen que crecer no medio das feces da sociedade. Sandra Sánchez sabe da forza poética dos seus planos, dun vestido de noiva ou dunha boneca degollada recortados no mapa do desfeito social.
As xoias da señora Bianconero é -curiosamente como as citadas anteriormente- obra primeiriza de Jorge Coira, que homenaxea ó cinema cómico mudo. A curta está gravada en betacam por un grupo de amigos que pronto serían nomes coñecidos do audiovisual galego: Luís Tosar, as dúas Marías (Pujalte e Bouzas), Quico Cadaval, Núria Sanz, Isabel Vallejo, Patricia de Lorenzo, Evaristo Calvo e Victor Mosqueira (igualmente recoñecidos por Mofa e Befa). As xoias... ten a estructura e os elementos típicos do slapstick clásico: persecucións, pelexas, caídas, xesticulación e esaxerada maquillaxe. No seu momento os autores explicaron deste xeito a súa incursión no mundo de Chaplin, Keaton ou Harold Lloyd: "Non renunciamos ó cinema mudo e a súa linguaxe como os músicos de jazz ou os da música clásica non renuncian a tocar con instrumentos antiguos". Precisamente a pista sonora, imprescindible nos slapstick, é unha das mellores bazas do vídeo: a música é de Xavier Huana e os efectos sonoros saíron das habilidades de Mofa e Befa. As xoias... foi unha especie de boceto da magnífica -xa feita en cine- Gran liquidación, curta acometida polo clan Coira uns anos despois.
En videocreación resultaron elexidas dúas produccións que teñen moito en común. Infección palúdica é lóxica e digna filla de Ninfografía, pois Juan Lesta foi alumno de Ignacio Pardo na EIS da Coruña e as dúas obras comparten estilo e temática. O mundo creativo de Ignacio Pardo, composto por unha videografía de máis dunha ducia de títulos, ten perfecto exemplo en Ninfografía, onde multitude de formas fálicas como vermes, línguas lúbricas ou dardos de amor tentan penetrar na mazá do pecado orixinal, ou cegar un planeta feminino con ollos de pezón... Aquí, e en tóda-las súas produccións, Pardo continúa o camiño das vangardas cinematográficas dos anos vinte, aproveitando a tecnoloxía do vídeo e da imaxe de síntese, preocupado no ritmo puro dos símbolos e das asociacións visuais. Pola súa banda, en Infección palúdica, Juan Lesta responde ás mesmas premisas, deixando a un simbólico prisioneiro sucumbir á presión mediática da sociedade. As ataduras de dependencia crucifican, a ritmo casi subliminal de consignas e planos, ó fillo dos nosos tempos contra o chroma e as barras do sinal televisivo.