
Clorindo Testa
Clorindo Testa, Julio Llinás
- 100 min.
Este filme, é ou non é sobre Clorindo Testa? E se non, sobre que é? É sobre a vida do director, sobre a vida do pai, sobre a vida do seu país? Ou será apenas un deses filmes biográficos que proliferan nos festivais de cinema onde o narrador non para de relatar anécdotas familiares e de sacar fotos vellas do interior dunha caixa? Entre estas ameazas e outras aínda peores navega esta pequena, microscópica aventura cuxo subtítulo, roubado ao savoiano Xavier de Maistre, ben podería ser Voyage autour de mon père. (Mariano Llinás)
- Ano:2022
- Países de produción: Argentina
- Guión: Mariano Llinás
- Fotografía: Agustín Mendilaharzu, Miguel de Zuviría, Tomás Guiñazú
- Montaxe: Miguel de Zuviría
- Produtora(s): El Pampero Cine
Clorinda Testa
Diego Lerer
“No es una película sobre mi padre”, di unha e outra vez de mil formas posibles Mariano Llinás en CLORINDO TESTA. Ante cada repetición faise máis evidente a resposta: si, é un filme sobre seu pai, Julio Llinás, artista, crítico de arte, redactor publicitario, escritor, flaneur e intelectual porteño de renome. Na construción en dobre ou triplo abismo e salto mortal na que se estrutura o seu novo filme, Llinás recibe un encargo dunha fundación para facer un documental sobre o pintor e arquitecto Clorindo Testa. A súa conexión con el é máis que evidente: seu pai Julio non só era moi amigo de Clorindo senón que ata escribiu un libro sobre el. Así que, di o director de LA FLOR na voz en off que percorre o seu filme, o que veremos será un documental sobre o libro «Clorindo Testa» escrito por Julio Llinás. Mais en termos reais non é iso o que veremos aquí. Ou non soamente.
Describir o modus operandi deste ¿documental? é complicado se un non ten idea do tipo de cinema que adoita facer a produtora El Pampero. Se están familiarizados cos filmes de quen o integran (ademais de Llinás son Agustín Mendilaharzu, Laura Citarella e Alejo Moguillansky) poderanse dar unha idea do tipo de estrutura que a organiza, unha na que os cineastas e a xente que está «detrás de cámara» ten tanto ou máis peso que o que se busca ou investiga, unha na que o equipo de filmación se volve protagonista e á vez personaxe da historia.
Esa autorreferencialidade que a moitos lles resulta un tanto incómoda (ou, digámolo, narcisista en extremo) a min non me molesta, necesariamente, porque ao longo dun corpo de obra, Llinás e o seu equipo (que inclúe varios actores, familiares e técnicos) convertéronse en personaxes de si mesmos, unha sorte de troupe picaresca que ten que ver e non cos personaxes reais. Aquí, Llinás domina as accións diante e detrás de cámara e na voz en off que a percorre. E nesas idas e voltas nas que procesa o tipo de película que está a facer xunto ao seu equipo e familia (di unha e outra vez que non quere facer un filme sobre pais, que está farto do xénero documental sobre iso), o que fai aseméllase bastante a iso. Só que con media ducia de chiscadelas retóricas no medio.
CLORINDO TESTA é, tamén, un filme sobre o arquitecto/pintor mais, máis que nada, é un que intenta entender a eses dous homes, a súa amizade e se cadra rivalidade, o contexto no que traballaban, e a historia da arte arxentina do século XX, cos seus cruzamentos e cambiantes movementos estéticos, algo que pode aplicarse –dío o propio Mariano– ao cinema nacional tamén. A relación entre un artista e un crítico, entre dous homes vencellados á intelectualidade porteña de mediados do século XX, irase cruzando con esa outra película que Llinás di non querer facer pero que brota sen freos a partir da lectura dun texto publicado en La Nación o ano pasado no que o escritor Marcelo Gioffré compara a historia de Julio coa decadencia que, segundo el, trouxo o peronismo a Arxentina no século XX.
Es así que entre bromas, charlas familiares, recreación de reunións (entre moitas outras recreacións de todo tipo), a lectura do sempre inatopable libro de Julio sobre Clorindo, algunha entrevista na que fala máis Mariano que o entrevistado e percorridos polas obras arquitectónicas de Testa en Bos Aires e na Pampa, CLORINDO TESTA vaise transformando nunha agridoce comedia sobre o paso do tempo, a memoria, a relación entre a arte e a vida e, máis que calquera desas cousas, un filme sobre as amizades e as familias, esas que atravesan todo tipo de problemas. Pais e fillos, rivais e amigos, os protagonistas deste filme (as pantasmas do pasado e os que as convocan dende o presente) intentan entender cal é a estraña relación que existe entre a arte e a vida, entre o ser e o facer, entre a ficción que chamamos realidade e esa outra que nos inventamos para seguir a vivir.
Diego Lerer, crítica de Clorindo Testa en Micropsia (23 de abril de 2023). Tradución propia do castelán.