
Bernardino de Lamas. Pezas seleccionadas.
- 30 min.
- A PAISAXE Lagoa de Valdoviño. Primavera de 1929; Merenda no Eume. 18/8/1929; Tarde na praia de Covas. 26/8/1926: Un verán en Valdoviño. Agosto 1925
- ROMARIAS Romaría do Bo Xesús en Meirás (Valdoviño). 21/5/1925; Romaría de Santa Comba (Ferrol). 28/8/1927; Romaría das Dores en Lago (Valdoviño). 15/9/1925; Romaría da Saleta en Lodairo (Narón). 14/5/1926; Romaría na Capela de San Andrés, A Graña (Ferrol) Sen data; Romaría coa Sociedade de Amantes del Campo. (1926-1927)
- VIAXES POR GALICIA Viaxe ao Cebreiro 8 e 9 de setembro de 1928 ; Viaxe ao Sur de Galicia. Finais de xuño de 1929
- MISCELANEA Buño. 23/6/1925; Praia en San Martín do Porto (Cabanas). 7/8/1927; Desfile de paraugas (A fin do verán). Teixeiro. 9/9/1928; Mulleres (sen data ou localización); Festa da árbore en Barallobre (Fene). 10/3/1929; O neno do rio Xubia. Xuño de 1930; Monumento ao Camiñante Descoñecido en Barallobre. 1934. Derradeiro filme.
-
Fóra de serie
Presentación libro 'O cineísta andarengo'
Bernardino de Lamas. Pezas seleccionadas.
Versión lingüística:MudaFormato:DCPEntrada de balde.
- Ano:1925-1934
- Países de produción: España
A propósito de Bernardino de Lamas
Manolo González
Cineasta ou cineísta
No primeiro terzo do século XX o cinema documental en Galicia deixounos algúns fitos singulares, dende os primeiros profesionais, como José Gil, Rey Soto, os operadores do cinema de correspondencia, os irmáns Barreiro até os tres grandes da época republicana: José Suárez, Carlos Velo ou Antonio Román. O denominador común das súas diversas traxectorias é que todos aspiraron a rexistrar un retrato máis ou menos acaído sobre o presente de Galicia dende diferentes perspectivas, mais sempre filmado mediante tecnoloxías profesionais.
Poucas veces temos considerado de interese o punto de vista do amateur, aquel que, como denota a súa raíz latina amare, implica facer algo por pracer, por puro amor. Tamén é motivo de análise entre os especialistas a distinción entre o cineasta amateur e o cineísta doméstico ou familiar. Ambos posúen actitudes radicalmente diferentes diante da filmación e as propias imaxes. O cineasta amateur pretende producir un filme de calidade e ambición narrativa, como, por exemplo, José Ernesto Díaz Noriega. Para eles, o cinema é un fin, un xeito de vivir que a miúdo confunde o cinema coa propia vida. Mentres que o cineísta familiar ou doméstico non pretende sequera facer un filme senón “atrapar a vida” do seu entorno familiar ou privado, sen transmitir a sensación dun relato rematado. O seu ámbito de acción limítase sempre ao doméstico, porque o resultado non ten valor comercial algún.
Este é o caso que nos ocupa. Para o cineísta Bernardino de Lamas, o cinema é unha faceta máis do seu devalar que constitúe unha ferramenta auxiliar complementaria ou funcional. Bernardino é un dos sete pseudónimos de Alfonso Piñón Teixido, xornalista andarengo, empedernido montanista, esperantista, vexetariano e galeguista que percorreu Ferrolterra e Galicia enteira coa súa Pathé Baby, entre 1924 e 1935, filmando case 300 bobinas de 90 segundos en formato 9.5 mm.
Filmar en 9.5mm
Da singular produción do noso “homo viator” , (o home que camiña), a Filmoteca de Galicia conserva 90 bobinas das que seleccionamos 22 para seren proxectadas. Previa a proxección, achegaremos pistas sobre este singular personaxe, esquivo e fuxidío, case carne de psicoloxía, polo moito que soubo agochar unha complicada vida persoal.
O seu cinema replica os slogans publicitarios da cámara Pathé Baby, chegada a Galicia no nadal de 1923-1924: “Recuerde que el tiempo pasa y que puede detenerlo”. “Verdadero archivo viviente de sus horas felices”. “Es el pasado que revive”.. Daquela, filmar tiña a súa complexidade: as cámaras eran pequenas -600 gramos- e funcionaban cun sinxelo manubrio. Dúas voltas de manivela supoñían 14 fotogramas e un segundo de película. Isto dificultaba o encadramento, porque había que xirar a manivela a unha velocidade constante, sendo obrigatorio o trípode para que a imaxe non saíra movida. Alén diso, as bobinas de 9 metros só permitían o rexistro continuo dun minuto e medio. O marco metálico despregábel que facía as funcións de rudimentario visor, provocaba erros de paralaxe no encadramento, alterando con frecuencia a composición e cortando ás persoas por arriba ou por abaixo. A meirande parte das bobinas foron impresionadas nas primaveras e veráns de Ferrolterra.
Por outra banda, Bernardino de Lamas é un cineísta domingueiro, porque as filmacións coinciden con rutas ou actividades programadas domingos e festivos. Esa é a razón pola que as persoas que pululan nos filmes vistan con certa elegancia, mesmo as clases populares.
O cinema de Bernardino de Lamas
Bernardino actúa como un pescador compulsivo de momentos felices. Pretende embalsamar as vivencias efémeras e mesmo hibernar o tempo, para garantir a pervivencia emocional deses instantes fugaces de plenitude, entre amizades, mulleres e montañas, mares e cantís, persoas, xestos e actitudes. En todas abondan os mesmos motivos reiterados unha e outra vez: excursións, romarías, merendas campestres, paseos e conversas, músicas e bailes de xentes que cantan, danzan e rin mirando á cámara. Bernardino fai o que pode para integrar o fluír desa vida no plano, xirando o manubrio mediante instrucións básicas aos seus “actores e actrices”. Os filmes lembran a frontalidade do denominado “modo de representación primitivo”. Serán as persoas as que flúan con dinamismo no encadre, mentres miran e sorrín ao camarógrafo, o que provoca unha sensación de espontaneidade e transgresión involuntaria dos principios clásicos da transparencia. Pura improvisación. Monta na propia filmación por corte simple, ao tempo que xira a manivela, como si tirase fotografías en continuidade, o que os franceses denominan “tourné-monté”.
Mais ese almacén de efémera felicidade invernada no tempo e que pretende poñer remate ao constante devalar da existencia, -mesmo conxurando a morte-, acaba por amosar un contracampo melancólico, até tráxico. Podémolo sentir ao coñecer que varias persoas que aparecen nas imaxes, serán asasinados ao comezo da Guerra Civil como Matías Usero, Xaime Quintanilla, Juan García Niebla ou Ramón Maseda entre outros moitos.
En síntese de Fernando Redondo: “Os filmes de Bernardino responden sempre a un intento de recuperar, conservar e revivir os momentos felices da existencia”. Nin máis nin menos. Abofé, é seguro que moitas destas inxenuas e humildes pezas, impresionadas apresuradamente por un afeccionado autodidacta, teñen no seu interior máis cine e máis verdade que gran parte do cinema estereotipado que exhiben as plataformas hexemónicas e o cinema mainstream.
(Escrito orixinalmente para Play-Doc, edición 2025).