
Aves de paso
Les oiseaux de passage
- 84 minutos
A partir dos 8 anos.
Cathy ten un pai con ocorrencias moi curiosas: polo seu aniversario, regálalle un ovo de parrulo coa intención de que o incube e sexa despois a súa mamá. Mais, casualmente, a quen ve primeiro o parruliño ao nacer é Margaux, unha amiga de Cathy que vai en cadeira de rodas. A pequena ave identifícaa como a súa nai, mais os pais de Margoux non lle permiten tela. Para protexer e salvar o animal, as dúas nenas escapan e emprenden unha aventura, un periplo en que descubrirán moito máis delas mesmas que sobre o rescate dun palmípede.
Na liña dos filmes dos irmáns Dardenne, baixo unha aparente simplicidade, este conto iniciático esconde unha bela paleta de emocións e de temas: a amizade, a sobreprotección dos pais, a diversidade funcional, a superación dos límites, a necesidade de liberdade e de autonomía dos nenos e das nenas, a procura do espazo propio e o dármoslles valor ás pequenas cousas.