O porto de Ferrol: cen anos de imaxes
-
Do 9 febreiro ao 23 febreiro de 2011
Sala de Exposicións do Porto de Ferrol
A historia ferrolá está marcada polo mar, a ría e o seu porto. Este comezou sendo un pequeno peirao dedicado á actividade da pesca, o marisqueo e o comercio marítimo, ata que no século XVIII, en plena Ilustración, e coa chegada da construción naval e da Armada, sufriu unha grande transformación —novos estaleiros, arsenais, etc.—, xerme da evolución da vila e do porto. Pero é no século XX cando experimenta o maior desenvolvemento nos aspectos físicos e administrativos, así como en todo o relacionado coa pesca e o transporte de mercadorías e pasaxeiros.Tras séculos de esplendor marcados polo compoñente militar, pouco a pouco a importancia do porto civil foi sumando enteiros ata chegar á actualidade cando o porto interior e a súa ampliación, o porto exterior, son os novos motores que marcarán o devir da antiga vila ferrolá no século XXI.Ferrol ábrese ao mar. A súa estratéxica situación, o abrigo natural que ofrece a súa ría e a capacidade da súa infraestrutura, convertérono nun porto referente da fronte Atlántica.Destacados fotógrafos nacionais (Pascual Rey, Manel, Manuel Ferrol, Manolo Vilariño, Cancelo, Luis Villar de Francos…) e estranxeiros (Walter Wood, Bernard Plossou…) —profesionais, ambulantes e anónimos— plasmaron coas súas cámaras a realidade do Porto facendo posible hoxe esta exposición que pretende ilustrar con imaxes a evolución e a vida de Ferrol nos últimos cen anos.