Chanfaina Lab 1
VV.AA, 2015-2016
60'. HD. Presentación. Entrada de balde
Instantes dun retorno
(España, 2015)
Directora e cámara: Giselle Llanio. Montaxe: Susana Sotelo e Miguel Balseiro. Posprodución de son: Iago G. Moro. Coa participación de Laura Caorsi Luaces, Craig Patterson, Francisco Luaces, Manuel Luaces, Dolores Castelo, Santiago Soto, Pablo, Rubén Arribas. Dur: 15'.
Laura, bisneta de Teodoro, un antigo veciño da parroquia de Ferreira, chega a San Sadurniño para completar a procura que iniciara o seu avó hai moitos anos: a casa das súas raíces, onde vivía Teodoro antes de emigrar a Montevideo. Nesta viaxe, Laura coñecerá varios familiares, a Craig, un inglés que fala galego, e Pablo, un paisano da contorna e amigo da familia. Todos acompañarán a Laura ata o seu destino.
Come Go
(España, 2015)
Directora: Susana Rey. Coa participación de María Romero, Xosé Mª García e Carmen Couce, Carmen González, Carmen Pedreira, Elena Otero, Gelis Puentes, Isabel Prieto, Lucía Pita, Mari Carmen Bouza, Mari Carmen Meizoso (Cantareiras do Saíme). Dur: 16'.
Come Go vai adicada a toda a xente que tivo que marchar lonxe, á que chegou para facer "pobo", e á que quedou e resistiu. Tomando como referencia o pobo de San Sadurniño, e sen idealizar a vida no campo, queremos pór o foco no rural como alternativa posible ás cada vez máis sobresaturadas cidades.
Tres videohistorias
(España, 2016)
Directora: Claudia Brenlla. Intérpretes: Lara e Noa Castro, Yan Yan, Xuejun Xiong, María Sánchez Seixo. Produción: Marta Blanco. Dur: 6'.
Tres “videohistorietas” de humor absurdo inspiradas nas desconcertantes obras ilustradas de Edward Gorey. Nun mundo seccionado en latitudes e lonxitudes, salferido de idiomas e signos, varias personaxes actúan instintivamente.
1.- As xemelgas xordas: unha devanceira cuxa existencia descoñecen é a causante do fervor relixioso e das inclinacións musicais de dúas adolescentes xemelgas xordas inglesas.
2.- O camiño do Norte: Dúas peregrinas estranxeiras gozan da súa primeira experiencia nun campo de verzas.
3.- A verzafilia e outras filias de Pastora Naraío: A rica vida interior dunha solitaria labrega de Naraío.
Homes
(España, 2015)
Directora: Diana Toucedo. Dirección de fotografía e cámara: Iván Castiñeiras. Deseño de son e mesturas: Oriol Gallart. Colorista: Lara Vilanova. Coa participación de: Matilde Piñón (Naraío); Marisa Durán e Cruz Piñón (Ferreira); Otilia Vigo e Marina (Bardaos). Dur: 10'.
Os actos dos homes en vida configuran a nosa Historia. Pero... en que momento da nosa vida perde un a súa propia? Moitas das mulleres que esperan hoxe no interior das súas casas, das súas cociñas o home que marchou, o fillo, o pai... manteñen unha ferida aberta que nunca se pechou. Suspendidas do tempo, latexan incansables na espera. A morte ou elas.
Trazos
(España, 2016)
Director: Alberte Branco. Produtora: Ana Pontón. Cámara e negativo: Ángel Santos. Laboratorio: Cinelab Romania. Montaxe: Eloy Enciso. Posprodución de son: Miguel Barbosa. Posprodución de cor: Fernando Alfonsín. Coa participación de Olegario Carballo, Abel Vega, Fina Casal, Helena Beceiro, Lorena Bouza, Regina Cinza, Carlos Cobelo e Oscar Fernández. Dur: 9'.
Trazos é un filme de indagación. Explorar o territorio na procura da identidade. Un diálogo no que agroman a terra e as emocións.