![Andrei Rublev Andrei Rublev](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/cover/public/programacion_3780.jpg?itok=BWrWZd65)
Andrei Rublev
Andrei Tarkovski., 1966
205'. 35mm. Subt. Castelán. Presentación: Oliver Laxe
Andrei Rublev
(Unión Soviética, 1966)
Director: Andrei Tarkovski. Guión: Andrei Konchalovski, Andrei Tarkovski. Fotografía: Vadim Yusov. Intépretes: Anatoly Solonitsyn, Ivan Lapikov, Nikolai Sergeyev, Nikolai Grinko, Irma Rausch. Dur: 205'.
Retrato de Andrei Rublev, famoso pintor ruso de comezos do século XV. A película segue os pasos do artista a Moscú para traballar nos frescos da Catedral da Asunción no Kremlin. A través dos seus ollos, Tarkovski leva a cabo un estudo das condicións sociais e políticas da época.
“O artista debe conservar a calma: non ten dereito de mostrar o que sente, co que está comprometido; non ten dereito a guindarlle na cara todo isto ao público; toda excitación en canto ao tema, debe sublimarse nunha calma formal olímpica: é a única maneira en que un artista pode falar das cousas que o excitan. Isto lémbrame o xeito en que realicei Andrei Rublev. A película acontece no século XV e resultou extraordinariamente difícil imaxinar “como eran as cousas realmente daquela”; foi por iso que tivemos que basearnos en calquera fonte na que puidemos: arquitectura, documentos escritos, iconografía.
Se nos decidísemos por unha reconstrución da pintoresca tradición do pintoresco mundo desa época, o resultado sería ese estilizado e convencional mundo ruso antigo que, nos seus mellores exemplos, recorda as miniaturas ou iconas daquela. Para o cine, porén, non é o camiño correcto: nunca entendín, por exemplo, os intentos de crear unha composición escénica a través da pintura: todo o que un faría, sería dar vida á pintura e, merecidamente, ser recompensado por unha exclamación do tipo: “Ah, que extraordinario sentido da época! Que persoa tan culta!” Mais estaríase a matar tamén o cine.
Pola mesma, un dos fins do noso traballo era reconstruírmos para un público moderno o século XV tal e como era; isto é, representarmos ese mundo de tal xeito, que nin o vestiario, nin a linguaxe, nin os costumes ou a arquitectura desen ao público a sensación de ser unha reliquia ou unha rareza de anticuario. Para lograr o grao de verdade que dá a observación directa, o que podería chamarse verdade fisiolóxica, tiñamos que nos afastar da verdade arqueolóxica e etnográfica. Habería inevitablemente un elemento artificioso, mais era porén a antítese da pintura recreada. Se alguén do século XV aparecese de súpeto e observase o material filmado, teríao atopado moi estraño, mais non máis estraño que a nós ou ao noso mundo. Porque vivimos no século XX, énos imposible filmar directamente un material de hai seis séculos. Porén, sigo convencido de que é posible que un logre os seus obxectivos, aínda en circunstancias tan difíciles, a condición de que un continúe sen desviacións e ata a fin, e a pesar do hercúleo labor requirido, o camiño que un escolleu”.
(Andrei Tarkovski, en Esculpir el tiempo, UNAM, 1993)