Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Facer a revolución é volver colocar no seu sitio cousas moi antigas, mais esquecidas (2)
Del 22 de febrero de 2017 al 6 de abril de 2017
Unha produción do Museo Reina Sofía. Comisariada por Manuel Asín e Chema González. Organizada en estreito diálogo con Jean-Marie Straub, esta retrospectiva inclúe novas traducións da maior parte das películas, proxeccións en formato orixinal, copias restauradas, un sobresaínte número de estreas no noso país e unha nova publicación de ensaios sobre os autores. Este ciclo mostra un dos proxectos fílmicos máis coherentes e relevantes do século XX, no que o cinema é tanto unha forma artística como unha maneira política de irromper no presente. A súa poética, cómplice alongada da Nouvelle Vague francesa e periférica respecto ao Novo Cinema Alemán, desmantela as formas cinematográficas para propor novas relacións coas imaxes e os sons; unha vontade experimental que comparten cos seus admirados Cézanne, Griffith, Mallarmé, Chaplin ou Schoenberg. Na concepción das súas películas aprópianse doutras linguaxes artísticas –dramas, novelas, músicas, partituras e pinturas– de diferentes momentos históricos, que interpretan no presente coma un acontecemento crítico. Con este desprazamento propoñen unha fonda reflexión sobre a historia, a identidade e as fronteiras europeas. Non estamos ante unha pretensión de reconstrución, de reparación, de presentación inxenua da memoria; o fundamental é entendermos que para Straub-Huillet sempre hai “un esquecemento na memoria co que o artista, o cineasta, debe saber contar”. Logo do falecemento de Danièle Huillet en 2006, Jean-Marie Straub continuou a traballar en solitario e defendendo a súa visión do cinema como ruptura e revelación. Manuel Asín e Chema González, comisarios.