Dalla nube alla resistenza / De la nube a la resistencia
Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, 1978
105'. DCP. Subt. Castelán
Dalla nube alla resistenza / De la nube a la resistencia
(Italia, República Federal de Alemaña, Reino Unido, Francia, 1978)
Dirección: Danièle Huillet e Jean-Marie Straub. Guión: Danièle Huillet e Jean-Marie Straub (adaptado de novelas de Cesare Pavese). Fotografía: Giovanni Canfarelli, Saverio Diamante. Intérpretes: Olimpia Carlisi, Guido Lombardi, Gino Felici, Lori Pelosini, Andrea Bacci. Dur: 105'.
Nova adaptación literaria, neste caso de diversas obras do italiano Cesare Pavese. O filme componse de dous segmentos, un primeiro no que se mesturan seis historias tiradas de Dialoghi con Leucò, de tradición mitolóxica grecorromana; e un segundo que supón a translación da novela La luna e i falò á gran pantalla. Nela, un emigrante de alcume 'bastardo' volve á súa vila no norte de Italia logo da Segunda Guerra Mundial para descubrir que nada é o que era, que todo o que coñeceu pereceu.
“O último straubfilm consta de dúas partes diferentes, unha mitolóxica e outra moderna, sen relación aparente ningunha. Á parte da nube: seis dos vinte e sete Diálogos con Leucó escritos por Cesare Pavese en 1947. Á parte da resistenza: extractos doutro libro de Pavese, La luna y las hogueras, publicado en 1950, uns meses antes de que o autor se suicidase. Esta última parte non é ningunha sorpresa: todos os straubfilms son un reconto —arqueolóxico, xeolóxico, etnográfico, tamén militar— dunha situación en que algúns homes resistiron. Alí onde [Friedrich] Nietzsche dicía que «o único ser que coñecemos é o ser que representa», os Straub poderían responder: o único que sen dúbida existe é o que resiste. Á natureza, á lingua, ao tempo, aos textos, aos deuses, a Deus, aos patróns, aos nazis. Á nai e ao pai. É así coma o plano, o átomo básico do cinema straubiano, é o produto, o resto, os restos, máis ben, dunha tripla resistencia: a dos textos aos corpos, a dos lugares aos textos, e a dos corpos aos lugares. Habería que engadir unha cuarta: a do público ao plano así «tallado», resistencia teimosa do público de cinema a algo que resulta intratable e que o nega en canto público.
Non volverei sobre este punto. En primeiro lugar, porque sobre isto xa escribimos moito nos Cahiers desde hai quince anos. Despois, porque o que sorprende deste No reconciliados [Nicht versöhnt] italiano que é De la nube a la resistencia [Dalla nube alla resistenza] é outra cousa: a sensualidade, o gusto polo relato, a felicidade da lingua e algo así como unha vontade de elucidar ese «sexa como for, hai que ir ata o final» que case me obriga a dicir que esta película contén os elementos dunha psicanálise á que os Straub se someten a si mesmos. Como se, logo de teren finalizado o seu tríptico xudeu (composto polo seu «pequeno Schoenberg», Moisés y Aarón [Moses und Aron] e Fortini/Perros [Fortini/Cani]), logo de ter esgrimido o significante «resistencia» como un absoluto (porque, non cabe dúbida, ser xudeu é resistir, e, en primeiro lugar, resistir ao Libro), emprendesen agora a súa xenealoxía. A resistencia é o punto de chegada dunha historia que empeza noutro lugar, antes, coa nube. Cal é esta historia que atravesa dous milenios, liga os homes cos deuses, e logo os homes coa máis temible das divindades, a Historia? En que momento comezamos a resistir? E a que estamos resistindo, exactamente?”
Texto por Serge Daney tirado de “Una moral de la percepción (De la nube a la resistencia, de Straub-Huillet)” en Manuel Asín, Chema González (coords.): Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Hacer la revolución es volver a colocar en su sitio cosas muy antiguas pero olvidadas, Museo Reina Sofía, 2016.