Visións
VV.AA, 2016
70'. DCP. Entrada de balde
Coa determinación de lle dar pulo a un proxecto concreto con temática ou punto de vista de xénero, comisariamos unha película colaborativa en que se propón a dez mulleres dirixir unha minicurta en contacto coas outras camaradas. O certo é que como directoras fixeron tamén de cámaras e montadoras, e esta capacidade de realizaren unha película do comezo ata a fin coas súas propias mans, cun axustado orzamento, é o que define o cinema que practican.
Xisela Franco, comisaria
Pezas que integran o proxecto:
Proxectar-se (2016), de Eva Calvar
Vídeo, 3 min 30 s. Explorar a intimidade da creación. Construír a corporeidade da natureza. Observar a muller como razón poética, razón creadora. Falar do impropio e do propio que reside en cada ser.
1/2 (2016), de Olaia Sendón
Vídeo, 3 min 30 s. Un díptico, un experimento, unha muller que somos moitas... un berro para facer oír a nosa voz.
Ambos mundos (2016), de Claudia Brenlla
Vídeo, 10 min. Ano 2016: acepto a proposta de realizar unha peza audiovisual para a súa inclusión nun proxecto colectivo. Achégase o día da entrega e non consigo rematala. A intromisión dun amigo suporá a salvación do meu traballo.
Ei, guapa! (2016), de Sonia Méndez
Vídeo, 6 min 40 s. Unha muller camiña pola rúa. Un home vai detrás.
Aava (2016), de Andrea Zapata-Girau
Vídeo, 5 min 30 s. Hanna enfróntase ás dificultades cotiás de conciliar un traballo artístico que a apaixona co coidado da súa filla Aava, á que deixa cada día coa súa avoa chilena mentres vai traballar ao teatro. As dúas mulleres partillan un mesmo amor pola pequena Aava, mais as súas dificultades de comunicación fan reflexionar a Hanna sobre a relación entre ambas.
Aquí dentro (2016), de Lara Bacelo
Vídeo, 12 min. Exploración cinematográfica, de a cabalo entre a ficción e o documental, que relaciona o interior dunha casa a través das súas marcas, luces, humidades, co interior do corpo e a mente dunha muller.
Zeitübergreifend (2016), de Begoña M. Santiago
Vídeo, 8 min. Zeitübergreifend (alén do tempo e lugar) parte dunha fotografía, onde cinco xeracións de mulleres da familia de miña nai se reúnen na sala da miña tataravoa, cando ela tiña 105 anos de idade. A proposta é, por tanto, unha viaxe a través do noso álbum de familia no período entre 1878 (ano de nacemento da miña tataravoa) e 2016.
Voguing (2016), de Carme Nogueira
Vídeo, 3 min. Visita guiada nunha rúa en que o corpo da narradora se fai visible pola voz e polo encontro cos outros corpos. O audio fai referencia a como o propio corpo, sobre todo aqueles corpos que teñen que aprender a se comportaren, se configura a través do performativo.
Corpo preto (2016), de Diana Toucedo
Vídeo, 7 min 30 s. A partir do filme Límite, do director vangardista brasileiro Mario Peixoto, explórase o corpo feminino perante as propias angustias e medos nunha obra de remontaxe. Un corpo que desexa estar preto da luz, mais tamén da escuridade, así como as imaxes que, desde os anos trinta, chegan coma vagalumes polo poder do cinema como médium.
Listen to Me (2016), de Carla Andrade
Vídeo, 7 min. Listen to me é un xesto (audiovisual) que pretende inverter a eterna posición da muller como obxecto de visión para pasar a vela en subxectivo, "escoitala" en vez de mirala.
Unha muller vella míranos, estática, sen nos ver. Unha moza camiña e é arrastrada por unha ovella nunha praia cunha illa ao fondo. Outras contemplan un océano irreal, coa illa de lonxe. Mulleres do sur do Nepal atravesan un campo de trigo, alleas. E a auga, como combinación do inefable e o material.