Quim.com
Alberte Pagán, 2014
82'. Vídeo HD. Presentación do autor. Entrada de balde
Quim.com
(España, 2014)
Dirección, guión, montaxe: Alberte Pagán. Dur.: 82 min.
"En 1971 Iván Zulueta reduciu o King Kong de Schoedsack & Cooper (1933) a uns vertixinosos 7 minutos, despois de refilmalo, a saltos, da pantalla do televisor en que se emitía. Deste xeito, os 35 mm orixinais (formato profesional) acabaron comprimidos nos 8 mm (formato afeccionado) do cineasta vasco, mais só despois da súa conversión ao formato televisivo.
Eu retomei a película de Zulueta para devolverlle a duración orixinal. A imposibilidade de recuperar o orixinal por medio deste proceso subliña a radical diferenza entre un e outro proxecto e sérveme para analizar a construción de Zulueta que, contra o que se poida pensar, comeza xa avanzada a acción da película de Cooper. Zulueta prescinde das primeiras secuencias para encetar a súa obra, significativamente, no momento en que aparece a primeira cámara na obra orixinal. A actriz mostra terror, mais non ante o simio Kong, senón diante da cámara cuxo zunido ouvimos (o cinema como monstro).
Incorporei a banda sonora orixinal como cinta métrica sobre a que medir as converxencias e diverxencias entre ambas as obras. A imaxe de partida foi unha versión dixital de baixa resolución que reconvertín en alta resolución. A viaxe de formato en formato (35 mm – TV – 8 mm – AVI – HD) debería ter acabado idealmente nos 35 mm iniciais, incorporando toda a granulosidade e falta de definición que arrastra.
Pérdese o relato polo camiño, mais afloran o racismo e o machismo como nunca antes." (A. Pagán)