A segunda vida das imaxes. Remontaxe no cine documental e experimental (e II)
Do 1 de marzo de 2009 ao 31 de marzo de 2009
En colaboración con Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra.
Axudando á tarefa de cartografar os territorios en mutación da non ficción contemporánea, o ciclo “A segunda vida das imaxes. Remontaxe no cine experimental e documental” propón unha revisión do concepto de remontaxe ou apropiación na Historia do cine documental e experimental. A idea da metraxe allea que adquire un sentido novo no interior doutra obra, hoxe en plena efervescencia dunha maneira ben rotunda e versátil, conforma unha sorte de veta ou corrente que viaxa do cine de montaxe ao found footage e inclúe pezas clásicas que rexistran nomes que van de Joseph Cornell e Pasolini ata os traballos contemporáneos de Alan Berliner ou Serguei Loznitsa. Distribuído en bloques ou tendencias (escola americana, Hollywood espolio, A Historia oficial, A historia doméstica e o estudo visual).
Este mes contamos coa presenza de Craig Baldwin (Oakland, California, 1952), lendario cineasta norteamericano, adaíl do underground e especialista na reciclaxe e na desmontaxe de arquivos cinematográficos alleos, de quen no seu día xa se proxectou Sonic outlaws (1995). A súa presenza complementa este ciclo xunto coa presentación do libro “Metraje encontrado. La apropiación en el cine documental y experimental” coordinado por Antonio Weinrichter, que edita o CGAI co festival Punto de Vista.
Agradecementos: Craig Baldwin, Antonio Weinrichter, Antoni Pinent, Mike Sperlinger, Lux London (Gran Bretaña), Emmanuel Lefrant, Light Cone (Francia), Istituto Luce (Italia), Jesús Cano, Natacha Derycke, Fonds Henri Storck (Bélxica), Dominic Angerame, Canyon Cinema (Estados Unidos), Michael Lo Grasso, Patra Spanou, Media Luna (Estados Unidos), Félix Viscarret, Alan Berliner, Su Friedrich, Vanessa Domico, Outcast Films (Estados Unidos), Pia Andell, Morgan Dews.