(S8) Mostra de Cinema Periférico
Do 29 de setembro de 2020 ao 3 de outubro de 2020
Neste ano excepcional, (S8) Mostra de Cinema Periférico adaptase aos tempos co que se da en chamar a súa “edición dual”: un festival que transcorre tanto nas salas de cine como en internet, a través dunha serie de contidos creados especialmente para a ocasión. Esta edición dual títulase, pois, “O xardín segredo”, en alusión á primavera na que non se puido celebrar a Mostra, primavera que agora pretendemos recuperar a través do cine. Dentro desta temática encadrase o programa Xardíns segredos, no que xuntamos unha serie de películas que aluden á idea do xardín nas súas diferentes vertentes, englobando a cineastas como Lowder, Parker, Tait, Solomon, Baillie, Mack e Dorsky, entre outros. Este programa presencial ten o seu complemento en internet, a través da serie de programas titulados A flor do día.
Outro espazo de proxección en analóxico é o que abrimos para un programa dedicado a Luther Price, artista que nos visitou en 2017, e que tristemente faleceu en xuño deste ano. Veremos os seus primeiros traballos, asinados co pseudónimo de Tom Rhoads, proxectados en super 8, e poderemos coñecer mellor o seu torturado traballo con found footage a través dunha das entregas do programa especial en liña Camera Obscura, no que se aborda a fondo a obra dunha serie de cineastas. O CGAI tamén servirá como punto de encontro no que asistir á emisión en streaming dalgúns dos Camera Obscura que preparamos este ano, dedicados respectivamente a Amy Halpern, Alexandre Larose e Tomonari Nishikawa.
Dentro do espazo dedicado ao cine galego, o CGAI acolle este ano a proxección dos traballos seleccionados en Sinais en curto, que terá a súa extensión en internet cunha serie de programas curtos especiais dedicados aos cineastas que reúne a sesión. Noutros espazos da cidade e das ondas, este ano o foco de Sinais dedicase ao traballo do burelense Adrián Canoura, e recuperamos a sección Xerme, que reivindica os traballos seminais do audiovisual experimental en Galicia, a través do traballo de Antón Reixa e Antonio Segade nunha sesión comisariada e conducida por Jordi Costa.
A sección Desbordamentos tamén se desplegará por A Coruña co traballo de Valentina Alvarado, Carlos Vásquez e Tania Dinis, como tamén o fará a clausura, na que veremos a última performance de Miwa Matreyek. Como cada ano, e respondendo a esta nova “dualidade”, a Mostra contará cun espazo para o traballo instalativo, a didáctica e os encontros profesionais.
Coa colaboración de