ROBERT GUÉDIGUIAN
Do 18 de setembro de 2012 ao 31 de outubro de 2012
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Robert Guédiguian (Marsella, 1953) é un cineasta europeo empeñado –desde os primeiros anos 80- na coherente dignificación dun cinema político: relatos comprometidos, marcados tanto por certas constantes estilísticas como pola súa capacidade, vernices e implicacións sociopolíticas e históricas. Despois dunha traxectoria de éxito e ata popular, Guédiguian recibe Premios do cine europeo, o Louis Delluc ou o Lumiére, ten presenza en Cannes ou conta con galardóns, no caso español, en San Sebastián ou Valladolid. Tal e como indica Charles Tesson, xa en 1998, os seus protagonistas pelexan por “devolver ao mundo obreiro un orgullo cinematográfico, unha dignidade perdida, e reencontrar de paso os acentos auténticos dun cine popular sen populismo”.
Cunha tropa de colaboradores fixa, a rica influencia do teatro, a hábil amálgama de comedia e melodrama con elementos sempre estilizados, os heroes proletarios de Guédiguian van adquirir predicamento especialmente a partir de Marius y Jeannette (1998), César á mellor actriz para a súa habitual e compañeira na vida real, Ariane Ascaride.
O CGAI presenta unha escolma de sete dos seus filmes, incluíndo a recente Las nieves del Kilimanjaro (2011).