Poéticas do cine (II)
Do 1 de xaneiro de 2008 ao 31 de xaneiro de 2008
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
Ciclo organizado conxuntamente co Festival de Cine de Gijón, que se inclúe na súa sección “Universo Media”. Nesta ocasión o tema central é a propia reflexión sobre o cinema.
“Preténdese facer unha reflexión sistemática, con expresa "prohibición" de desenvolvementos "cronobiográficos" ou "cinéfilos", sobre o cine, na liña de Histoire(s) du Cinéma de Godard, a partir de dous supostos: 1) "Cine" e "século XX" (unha ciencia, unha técnica, unha política, unha filosofía, unha arte, unha literatura e unha historia concretas) son entidades inseparables ("O cine é un asunto do século XIX que se resolveu no século XX", Godard, Histories(s) du Cinema, 2A). 2). Nun sentido esencial, pódese dicir que o cine, desde as súas orixes, xa se desenvolveu completamente, de modo que cabe consideralo como un obxecto con bordos ben definidos.
O segundo suposto implica loxicamente a seguinte consecuencia: o cine é unha entidade perfecta, rematada, e, por tanto, definible e demarcable, con independencia de que se sigan facendo películas (e, conseguintemente, cine; por tanto, está excluído na intención desta proposta calquera indicio de anuncios e levantamentos de actas de defunción, aínda que non se deba perder de vista que para Godard "hai moi poucas películas, cada vez menos"), do mesmo modo que xa se pode definir perfectamente qué é un coche sen necesidade de coñecer os novos modelos de automóbiles das próximas décadas. A cuestión é moi importante neste preciso instante, precisamente polo estado de efervescencia e caos no que se atopa a "iconosfera" audiovisual, pois, seguindo co símil, se ninguén chamase "coche" a un quad, poderíase utilizar o nome "cine" ou chamar "filme" a unhas imaxes tomadas e vistas cun teléfono móbil?
En todo caso, non se tratará de falar de xéneros, nin de escolas, nin de movementos, nin de períodos, senón de intentar responder a unha pregunta aparentemente tan sinxela como: Que é o cine? Dun modo máis preciso: Cal é a esencia ou a entidade do cine?, que é a "cineidade", para empregar unha palabra inventada tan fea como clara?”
Vicente Domínguez, coordinador dos seminarios anuais “Universo Media”.
Agradecementos: Raya Martin, Nuria Esquerra, José Luis Guerin.