Pedro Costa. Procesos
Do 14 de setembro de 2010 ao 31 de outubro de 2010
O cineasta portugués Pedro Costa, autor de varios títulos claves do cinema contemporáneo, filmes como No quarto da Vanda (2000) ou Juventude em marcha (2006), proxectadas no seu día polo CGAI, retrata en Ne change rien (2009) o proceso de traballo como cantante da actriz francesa Jeanne Balibar. Costa xa observara e rexistrara antes de xeito apaixonante o minucioso universo creativo da parella de cineastas Jean-Marie Straub e Danièle Huillet en Onde jaz o teu sorriso? (2001), inmersos ambos na montaxe da súa película Sicilia!. Completamos a indagación con Tout refleurit / Todo reflorecido (2006) de Aurélien Gerbault, medido retrato de Costa e seguimento da filmación de Juventude em marcha no barrio lisboeta de Fontainhas. Un documental que presenta a súa radical e fermosa aposta artística ao tempo que amosa o seu singular modo de elaboración e comprensión do feito fílmico.

Ne change rien

Onde jaz o teu sorriso?
