Olladas de muller 2023
Do 3 de marzo de 2023 ao 24 de marzo de 2023
A cita anual coas olladas de muller volta, como sempre en sintonía coa frutífera colaboración co Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, unha cita motivada arredor do 8 de marzo. De novo céntrase na dobre liña de actuación de anos pasados. Por un lado, a creación vencellada a Galicia, con traballos que amosan a notable e plural nómina de nomes propios femininos: Sonia Méndez, Xisela Franco, Maria Ruído, Adriana Páramo, Rosario Sarmiento, Diana Toucedo, Carla Andrade, Alicia López, Cora Peña ou Lucía Estévez. Por outra banda, unha serie de destacados traballos do cine estatal e internacional recente. A autoficción da premio Nobel de Literatura Annie Ernaux Los años de Súper 8 da paso aos efluvios da Nouvelle Vague en estado puro de La amiga de mi amiga de Zaida Carmona. Unha aproximación a Isak Dinesen, Karen de María Pérez, impregna tamén a correspondencia no espello con La visita y el jardín secreto de Irene M. Borrego, ou o misterio da artista Isabel Santaló e as lembranzas de Antonio López. Os abusos sexuais de El techo amarillo de Isabel Coixet, o nacemento dun fillo en Tempo comum de Susana Nobre e o periplo carcelario de 981 Gau de Arantza Santesteban completan o ciclo.
En colaboración co Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega.