Norman McLaren
Do 30 de outubro de 2015 ao 7 de novembro de 2015
En colaboración co Museo da Universidade de Navarra e National Film Board of Canada.
“Norman McLaren (1914-1987) abandonou o seu país natal, Escocia, para recalar a mediados dos anos 30 na GPO Film Unit de Londres. Alí realizou películas documentais e participou, entre outros, nun documental sobre a Guerra Civil española, para o que viaxou a España. En Inglaterra seguiu desenvolvendo a investigación sobre cine de animación que comezara uns anos antes na Glasgow School of Art. No ano 39 viaxa a Nova York cunha bolsa da Fundación Guggenheim, e dous anos despois trasládase a Canadá para traballar no National Film Board, onde realizará o resto da súa filmografía ata os anos 80. Alí poderá desenvolver as súas investigacións técnicas e artísticas nun centro de experimentación que cos anos se revelará idóneo para iso, xa que lle permitirá contar non só cos medios precisos, senón cun amplo grupo de cómplices e mais colaboradores, como os animadores Evelyn Lambart ou Grant Munro, que figuran como coautores nos créditos de moitas das súas películas desta época. O propio McLaren, no prólogo dun libro sobre el publicado en 1974, explicaba así o seu traballo:
O meu interese principal foron as curtametraxes experimentais que non empregan a palabra. Cando fago unha película, a miñas maiores satisfaccións parecéronse ás dun explorador que descobre un novo territorio. Desenvolver novas técnicas, ou novos usos para vellas técnicas, é o que sempre me incitou. Na fase de concepción dunha película, unha nova técnica pode decote dar lugar ao tema da película, que pode ser novo ou non, pero que inevitablemente quedará afectado por esa nova técnica. Ambos interactúan un co outro, desde o comezo. Para facilitar esta interacción (e porque é máis divertido) sempre deixo o maior espazo posible á improvisación durante o proceso de realización dunha película; xamais utilicei un guión; simplemente tiven unha idea do esqueleto da película na cabeza. Por suposto, nalgunhas das miñas películas o tema, máis ca a técnica, é o primordial. Isto é así sobre todo cando a música é o núcleo arredor do cal medra a película. (…) Para min, o denominador común máis poderoso entre as abstraccións na pantalla e na música, na banda de son, é que ambas teñen movemento. Nos meus primeiros traballos, fixen moito uso da técnica do cine sen cámara, da que Len Lye foi pioneiro, e que consiste en debuxar e pintar directamente sobre a película. Gustábame porque era inmediato. Nas miñas obras máis recentes, a miña atención pasou de películas directas, animadas e abstractas, cara a temas que implican acción en vivo, e temas con interese humano.
O ciclo de películas de McLaren que presentamos componse das recentes restauracións dixitais das súas películas ao coidado do National Film Board of Canada, e na práctica supón unha boa introdución ao conxunto da obra do cineasta. Os títulos das sesións introducen algúns dos conceptos clave na poética e na técnica de McLaren:
A arte do movemento, aspecto que como sinala o propio McLaren percorre toda a súa obra e agrupa títulos e técnicas. Ao mesmo tempo, unifica os procedementos abstractos con outros inspirados no movemento humano no escenario ou no espazo. Pintar a luz, onde o desenvolvemento da técnica da pintura directa sobre película o leva a explorar, entre outros, problemas plásticos ou visuais. A música calada, sobre o seu interese na música e o modo de trasladala coas técnicas da animación á pantalla, ademais de sobre os seus cruciais experimentos co son óptico, é dicir, coa posibilidade de pintar directamente o son sobre a película, do mesmo modo que Lye pintaba siluetas e formas. E por último, aínda que cronoloxicamente será a primeira sesión, un programa que a través de dúas das máis coñecidas curtametraxes de McLaren e dun iluminador documental-entrevista sobre o seu traballo, introducirá de modo directo a figura do gran creador escocés-canadense.”
Manuel Asín (Pioneros de la animación experimental: Fischinger, Lye, McLaren. Museo Universidade de Navarra)