NIKKATSU, CEN ANOS
Do 8 de xaneiro de 2013 ao 28 de febreiro de 2013
En colaboración coa Filmoteca de Catalunya, Filmoteca Española e Japan Foundation.
Tributo polo centenario da produtora japonesa Nikkatsu en forma de ciclo –escolma de once títulos representativos– comisariado por Isaac Monclús e Amaia Torrecilla.
“Fundada en 1912, e aínda en activo, Nikkatsu é a produtora xaponesa máis antiga. Revisarmos a súa evolución permite constatarmos a habelencia coa que se adaptou ás transformacións da sociedade e á evolución do gusto do público sen renunciar por iso a selo da autoría. Do chamado cine de xuventude ao drama social, do cine de época ao de yakuzas, da Nova onda ao Roman porno, esta retrospectiva, centrada na súa produción de posguerra, é unha oportunidade para nos internarmos nalgúns dos mellores autores e títulos do cine xaponés, sen perdermos de vista un panorama complexo, case en voo rasante, da sociedade xaponesa.
Tras a guerra mundial, Nikkatsu ha reiniciar as súas actividades na produción en 1954. Anúnciase entón unha nova idade de ouro da industria cinematográfica xaponesa. Nikkatsu tomará nota da renovación dun público á procura de maior independencia. É o momento da chamada Xeración do Sol (taiyozoku) e do descubrimento dunha liberdade nova para numerosos cineastas.
Un dos seus títulos fundacionais será Crazed Fruit (1956) de Ko Nakahira, un polémico retrato da mocidade de posguerra –inconformista, desleixada, sensual– salvaxemente criticado no seu momento e que conectou cun público ansioso de autoafirmación xeracional. Moito máis desencantado e claustrófobo, o seu contrapunto chegará das mans de Koreyoshi Kurahara e The Warped Ones (1960), un lle dar voltas ao cine de xuventude, e que foi definida como o À bout de souffle do cine xaponés.
Os cincuenta son tamén os anos de Yuzo Kawashima, un realizador tan fundamental como pouco coñecido en Occidente, o elo perdido do cine xaponés cara á modernidade. Súas son Suzaki Paradise: Red Light (1956), un melodrama de extraordinaria sutileza sobre unha parella que atopa refuxio no distrito vermello de Tokyo, e Sun in the Last Days of the Shogunate (1957), unha comedia de época ambientada pouco antes da restauración Meji, coa que Xapón daba carpetazo á época feudal, recentemente considerada unha das cinco mellores películas do cine xaponés, sobre as peripecias dun samurai atrapado nun bordel ata saldar as súas débedas.
O cine de acción será outro dos piares de Nikkatsu, xénero que levará consigo uns insólitos niveis de estilización, ao consolidar ademais un carismático star system (Joe Shishido, Yujiro Ishihara...), ao codificar o lado escuro do milagre económico do Xapón de posguerra e ao redefinir a semántica do cine negro grazas a unha combinación irrepetible do noir norteamericano, a elegancia da nouvelle vague e mais un tipo de actitude inexistente noutras incursións locais no xénero, como, por exemplo, as de Akira Kurosawa da década anterior. A Colt is My Passport (1967), de Takashi Nomura, ha ser un dos seus títulos máis emblemáticos.
Nos sesenta, Nikkatsu producirá algúns dos grandes nomes da Nova onda xaponesa, como Shohei Imamura, autor de Pigs and Battleships (1961), unha provocadora comedia de corte neorrealista e fino sentido do humor sobre as miserias do Xapón baixo a ocupación, ambientada nun porto de pracer para a flota norteamericana, e a turbia e intrigante Intentions of Murder (1964), sobre unha muller que é asaltada na súa casa: unha incisiva denuncia do modelo xaponés de masculinidade. Outros directores emerxen daquela, como Yasunaru Hasebe, autor de Stray Cat Rock: Sex Hunter (1970), un festín visual de estética dos setenta e cunha explosiva subtrama racial, protagonizado pola actriz de culto Meiko Kaji.
Cos anos setenta chega o Roman porno, un xénero irrepetible, mestura de erotismo, exploitation e refinamento visual, grazas ao cal Nikkatsu se salvou literalmente da creba. Na relación entre a gueixa de The World of Geisha (1973) de Katsumi Kumashiro, e o cliente do que namora, Truffaut barruntou "o espírito de xenerosidade de Jean Renoir". The Oldest Profession, aka Confidential Report: Sex Market (1974) de Noburo Tanaka é unha rara mestura de cine de autor e pinku eiga, rodada en branco e negro, cámara en man, é dunha perturbadora sensualidade, que inclúe cameos da bailarina e activista feminista Genshu Hanayagi.
A permanente redefinición da idea de xuventude, dos anos cincuenta en adiante; unha galería de soberbios retratos femininos, que falan do lugar e do papel da muller na sociedade xaponesa; o impacto e o longo ronsel da ocupación norteamericana, un motivo ambivalente, fonte de fascinación e de rexeitamento á vez; o yakuza como antihéroe, do anarconihilismo á súa glorificación como icona pop, e unha querenza particular polos personaxes marxinais, rebeldes e inadaptados, probablemente o sinal de identidade máis acusado de Nikkatsu, son os fíos condutores deste ciclo, verdadeira idade de ouro do cinema xaponés”.
Isaac Monclús.
Agradecementos: National Film Center, Nikkatsu Corporation, Tokyo Filmes.