NICOLÁS GUILLÉN LANDRIAN (PLAY-DOC)
Do 1 de marzo de 2013 ao 30 de abril de 2013
En colaboración con Play-Doc. Festival Internacional de Documentais de Tui. Cineasta e pintor cubano falecido no exilio de Miami (1938-2003), Nicolás Guillén Landrián tivo unha estimable e breve traxectoria como documentalista. Varios dos seus traballos tiveron problemas de censura e exhibición e non se verían ata trinta anos despois. Traballador do Instituto Cubano de Arte e Industria (ICAIC) entre 1962 e 1972, colaborador de grandes cineastas cubanos (Tomás Gutiérrez Alea, Humberto Solás, Santiago Álvarez, Manuel Octavio Gómez), Guillén é autor dunha produción documental transgresora, marcada pola súa perspectiva de antropólogo visual. Coa entrevista e o cine enquisa como armas, constrúe unha obra política, didáctica, unha aberta reivindicación mesmo das figuras humana e historicamente excluídas (os outros: a muller, o negro) a través dunha exploración na Cuba cotián.
A sesión do CGAI comprende as curtametraxes En un barrio viejo (1965), Los del baile (1965), Ocial del Toa (1965), Retornar a Baracoa (1966), Reportaje (1966) e Coffea Arábiga (1968).