Llorenç Soler. De beira a beira
Do 23 de maio de 1994 ao 26 de maio de 1994
Éme dificil tratar de recoñecerme a min mesmo. Non acerto a pronunciarme nin a definirme profesionalmente. ¡Hai tantas cousas que me interesan no ámbito da comunicación, tantas no das imaxes, tantas no da estétical iE é tanta a miña curiosidade polos comportamentos dos homes e as súas circunstancias! Coido que hoxe a miña actividade profesional constitúe unha amalgama onde se recorecen todos estes intereses. Vivo nun exercicio constante de adaptación a múltiples actividades e todas elas teñen que ver coa imaxe, coa luz, coa cor, pero tamén coa vivencia cotiá do home, coas súas esperanzas, cos seus desencantos, coas súas loitas e as súas ilusións, coa súa capacidade de protesta e de enxeño creativo.
(...) Recoñézome un esteta que tamén goza descubrindo os ignotos currunchos de almas insólitas. A beleza está, ás veces, nas formas, outras nos sentimentos, outras nas actitudes. En ocasións déixome arrastrar por unha queixa de dor ou de rabia allea. Outras veces é a rotundidade dun dourado solpor o que consegue emocionarme. Nuns casos é a palabra e o seu discurso o que me enfeitiza; noutro a vibración nunca antes sentida dunha cor nova o que me corta a respira-ción. Todas estas son as ferramentas do meu traballo.
(...) En cada traballo traspaso unha porta. Algunhas condúcenme cara adiante, outras cara atrás. É así. Hoxe enarbolo unha bandeira que quere representa-la Verdade; en realidade un espellismo construido sobre unha paisaxe de fragmentos de voces e de conductas entrecortadas: O documental. Sen embargo, outro día, combinando voces e acenos, luces e instantes, cores e encadres, xorde a chispa da verdade desde o mesmo corazón da artimaña e a tremoia: A ficción. Ve-lo mundo a través do visor da cámara convérteme nun insólito e privilexiado observador. Concentro toda a forza da miña curiosidade nese ollo de cristal, prolongación da miña mirada impune que é o obxectivo da cámara; apunto, lanzo raios cortantes, distribúo, fragmento, analizo, deduzo... Todo o que está ó outro lado do obxectivo toma a súa vinganza contra min. Ningunha criatura é inocente. O xogo das apariencias toma corpo, desbórdame, confúndeme.
A miña obra carece de sentido unívoco. Lamento non poder definila cunha soa frase e dun tirón. Cando fago documentais o meu compromiso ancórase na realidade. Cando participo en programas de ficción recoñezo esixencias estéticas. Cando traballo en vídeo namórame a instantaneidade, trato de tirar proveito da lixeireza do equipo, da súa carencia de aparatosidade, e aposto pola improvisación. Na industria do cine véxome obrigado a traballar coa precisión do arquitecto: movementos de cámara, travellings, guinches. Todo preciso, exacto, matemálico. Pola contra, son o máis entusiasta defensor da cámara a man, dos formatos pequenos, domésticos. En moitas das miñas produccións non coñecin nin trípode nin luces. Voluntariamente.
(...) Paralelamente, noutros ámbitos de expresión persoal, escribo, debuxo, pinto. Pero coido que todas estas outras actividades non son máis que alicerces, raíces, da miña auténtica devoción polo audiovisual. No cine, no vídeo, concitanse as miñas múltiples vocacións frustradas:: pintor, arquitecto, fotógrafo, músico, escritor... De todo isto son, un pouco, nos meus traballos.
Llorenç Soler (do catálogo do ciclo)