Fóra de serie
Do 1 de novembro de 2010 ao 23 de decembro de 2010
As películas presentadas estes dous meses dentro da sección Fóra de serie poderían agruparse canto menos en dúas subseccións. “Documentais Grand Écran” presenta en colaboración coa Alliance Française da Coruña tres documentais de produción francesa concibidos para a gran pantalla, todos eles de cineastas de gran prestixio. O documentalista israelí Avi Mograbi (ao que o CGAI dedicou no seu día unha retrospectiva completa) interroga en Z32 a un mozo militar israelí que participou nunha operación de represalia contra civís palestinos. O tema garda relación co de Rachel, investigación en torno á morte dunha activista pola paz arrastrada por unha escavadora israelí na franxa de Gaza, filmada pola cineasta franco-marroquí Simone Bitton. Les plages d’Agnès é a última película de Agnès Varda (cun recente ciclo no CGAI), unha sorte de autobiografía ou autorretrato da propia cineasta.
“Polisemias” presenta dúas notables películas europeas estreadas no Festival de Cannes de 2009 e que tratan sequera tanxencialmente o tema da linguaxe. Police, adjective é a segunda longametraxe do romanés Corneliu Porumboiu (12:08 Al Este de Bucarest), o retrato dunha absurda pesquisa que debe levar a cabo un mozo policía e talvez a única película cuxo clímax formula un conflito derivado da procura dunha definición nun dicionario. O distinto significado das palabras é o recurso do que se serve o protagonista de Canino (Yorgos Lanthimos, tamén a súa segunda película) para establecer no seu propio fogar un réxime totalitario que lles impide aos membros da súa familia saír ao exterior.
Fantástico Sr. Fox escapa a calquera categorización. A insólita película de animación de Wes Anderson a partires do relato de Roald Dahl é a proposta “de Nadal” do CGAI. Que ninguén se engane: esta é unha película de Wes Anderson, tan amarga e desencantada como as súas anteriores propostas, non unha película infantil. Iso si, coas voces orixinais: George Clooney, Meryl Streep, Jason Schwartzman, Bill Murray, Willem Dafoe, etc, etc.
Agradecementos: Alliance Française (A Coruña), Coach 14 (Francia).