Extraterritorial
Do 1 de maio de 2008 ao 31 de maio de 2008
Continúa esta sección de periodicidade mensual, iniciada en novembro e nada coa vocación de presentar traballos de corte experimental, propostas periféricas e alternativas, fóra tanto de convencións narrativas como de circuítos de exhibición e distribución ao uso. Presididas pola quebra coa narración institucionalizada, amosamos un conxunto de propostas heteroxéneas e singulares pouco coñecidas, atípicas e a contracorrente, á marxe ⎯case sempre de maneira absoluta⎯ da senda pola que circula o resto da produción. Este mes, seleccionamos cinco traballos de José María Zabala, músico, fotógrafo e cineasta, que en 1976 escenificara na Bienal de Venecia o espectáculo Ikimilikiliklik, xunto cos irmáns Artze e Mikel Laboa. Ese mesmo ano realizou a memorable longametraxe Axut que, en clave experimental surrealista, reflectía a sociedade vasca da época. Posteriormente, o seu traballo centrouse no vídeo (El crimen de Hernán, La condesa de Arrabales, Videographos), a fotografía e os estudos sobre os sons, desde a etnografía ata as súas dimensións máis experimentais.
Agradecementos: José María Zabala.