
Esenciais: Roberto Gavaldón
Do 5 de novembro de 2019 ao 19 de decembro de 2019
Roberto Gavaldón (1909-1986) é considerado un dos directores máis importantes do cine mexicano dos anos cincuenta e sesenta. Nacido en Jiménez, no estado mexicano de Chihuahua, en 1909, comezou no medio traballando como extra, actor, axudante de dirección e guionista. Tras algúns traballos en calidade de codirector, fixo a súa estrea en solitario en 1945 con La barraca, adaptación da novela de Vicente Blasco Ibáñez en cuxo equipo de realización traballaron varios técnicos españois que se exiliaran en México ao acabar a Guerra Civil.
Desde esta primeira longametraxe, Gavaldón destacou por un estilo moi sobrio e clásico, de estilo realista, beneficiado pola colaboración con directores de fotografía como Gabriel Figueroa, Alex Phillips e Jack Draper. Tratou polo xeral temas melodramáticos. Tanto o estilo coma os argumentos escollidos enfrontaríano despois coas fornadas de críticos e directores máis mozos que cuestionaron a súa predilección por un cine de carácter nacional.
Macario (1960), baseada nun relato de Ben Traven –escritor no que tamén se inspirou John Huston para The Treasure of the Sierra Madre (El tesoro de Sierra Madre), e o que Gavaldón volvería a adaptar en Rosa blanca (1961) e Días de otoño (1963)–, é unha das súas películas máis importantes: participou no Festival de Cannes e foi o primeiro filme mexicano nominado ao Óscar á mellor película de fala non inglesa. O seu protagonista, Ignacio López Tarso (un dos actores do Nazarín de Buñuel), era unha das estrelas do cine mexicano daqueles anos. Gavaldón tamén traballou con outros grandes nomes da cinematografía mexicana, como María Félix, Dolores del Río, Arturo de Córdova e Pedro Armendáriz, e coa estrela arxentina do melodrama Libertad Lamarque.
Durante anos foi o maior representante do cine do seu país nos grandes certames internacionais. Concursou varias veces en Cannes, Venecia e Berlín, e presentou na primeira edición do Festival de San Sebastián, en 1953, Acuérdate de vivir. Gañou oito premios Ariel, os galardóns concedidos desde 1947 pola Academia Mexicana de Artes e Ciencias Cinematográficas: o primeiro Ariel á mellor película foi para La barraca.
Aínda que cultivou maioritariamente o melodrama, tocou diversos xéneros coma o policíaco, o musical, o fantástico e o drama rural, e realizou un ciclo de western-rancheiro co actor Antonio Aguilar. Entre os seus filmes sobrancean títulos como Macario, La otra (1946) –un drama criminal sobre dúas irmás xemelgas encarnadas por Dolores del Río, do que se habería de realizar un remake en Hollywood protagonizado por Bette Davis, Dead Ringer (Su propia víctima, 1964)–, La diosa arrodillada (1947), En la palma de tu mano (1951), La noche avanza (1952) –que ten como protagonista un campión de pelota vasca sen escrúpulos–, El rebozo de soledad (1952), El niño y la niebla (1953), Camelia (1954), Sombra verde (1954), La escondida (1956) e Miércoles de ceniza (1958). En 1955 foi escollido polos estudios Disney para dirixir unha das súas producións filmadas en México, The Littlest Outlaw (Pablito y yo).
A comezos dos sesenta daría unha volta ao tipo de temas tratados e decantaríase dun xeito máis claro por cuestións sociais e políticas, mais Rosa blanca, sobre a expropiación do petróleo en México, foi prohibida e non logrou estrearse ata 1972. En Días de otoño, protagonizada pola mesma parella de Macario, Ignacio López Tarso e a actriz descuberta por Gavaldón, Pina Pellicer, relatou a escura historia dunha muller abandonada polo seu prometido que asegura a todo o mundo que casou con el e está embarazada. A continuación colaborou con Gabriel García Márquez e Carlos Fuentes no guión de El gallo de oro (1964), parábola sobre un galo de pelexa consonte unha historia de Juan Rulfo.
Na primeira metade dos setenta realizou tres filmes en España: Don Quijote cabalga de nuevo (1973), con Fernando Fernán Gómez e Cantinflas nos papeis do Quixote e Sancho Panza, e dous dramas protagonizados por Amparo Rivelles, La madrastra (1974) e La playa vacía (1977). Estivo activo ata 1979, cando dirixiu o seu último filme, Cuando tejen las arañas, un drama sobre a sexualidade reprimida dunha adolescente. Faleceu en Ciudad de México en 1986. (Festival de San Sebastián)
Agradecementos: Maitane Aramberri, José Luis Rebordinos/Festival de San Sebastián; Ana Cristina Iriarte/Filmoteca Española; Aurea Ortiz, José Antonio Hurtado/IVAC-La Filmoteca; Sindicato de Trabajadores de Producción Cinematográfica de la República Mexicana; Arturo Chávez/Ollympusat; Video Mercury; Fundación Televisa; Paula Astorga.
Coa colaboración de

La barraca

La otra

Rosauro Castro

La diosa arrodillada

El rebozo de Soledad

Don Quijote cabalga de nuevo

En la palma de tu mano
