Desencadres/Punto de Vista: Nancy Holt
Do 28 de abril de 2021 ao 29 de abril de 2021
Nancy Holt naceu en Worcester, Massachusetts, en 1938 e medrou en Nova Jersey. Pouco despois de se graduar en Bioloxía na Universidade Tufts en 1960, mudouse a Nova York, onde, xunto cun grupo de colegas e colaboradores que incluían a Michael Heizer, Carl Andre, Eva Hesse, Richard Serra e o seu home, Robert Smithson, comezou a traballar en cine, vídeo, instalación e arte sonora. Co seu emprego innovador das formas cilíndricas, da luz e das técnicas de reflexión, Holt desenvolveu unha estética da percepción única que permitiu aos visitantes das súas obras interactuaren coa paisaxe de formas novas e desafiantes.
Empregou o vídeo por primeira vez en 1969 e quedou enfeitizada pola súa inmediatez. «Tivo lugar unha enorme sensación de descuberta porque era moi accesible, polo que Bob [Smithson] e mais eu creamos decontado unha obra de arte (...). Era moi inusual descubrir un medio, facer unha obra de arte e amosala no mesmo día. Iso rompeu o xeo e comprendín de que se trataba: cales eran as ideas para películas e cales eran as ideas para vídeos».
Na década de 1970, realizou unha serie de traballos pioneiros en cine e vídeo, incluídas varias colaboracións con Robert Smithson. Os seus primeiros vídeos, que se atopan entre os traballos máis icónicos do medio, exploran a percepción e a memoria a través de experimentos cos puntos de vista e cos procesos, e distorcen os límites técnicos do vídeo; así mesmo, destacan a natureza artificial do medio e manteñen unha distancia crítica entre a presentación pública e a realidade privada.
A temperá relación de Holt coa fotografía desempeñou un papel fundamental en traballos posteriores, que ela mesma describiu como «dispositivos de visión, puntos fixos para rastrexar as posicións do Sol, da Terra e das estrelas». Estas obras, ás que ela mesma se referiu como Locators, crearon posibilidades para as conexións íntimas coa natureza, en particular coas estrelas. Explicaba Holt: «Creo que a necesidade de observar o ceo, a lúa e as estrelas é moi básica e se atopa dentro de todos nós. Por tanto, cando digo que o meu traballo é unha exteriorización da miña propia realidade interior, refírome a que, a través da arte, estou devolvendo ás personas o que elas xa teñen no seu interior».
Pioneira do land art e da arte pública, as súas obras escultóricas ambientais a grande escala, inclusivamente Sun Tunnels (1973-1976) e Views Through a Sand Dune (1972), proporcionaron unha nova perspectiva para a observación de fenómenos naturais, que transforman localizacións xeográficas específicas en experiencias vívidas e resoantes. Os seus sitios escultóricos permiten ao espectador canalizar a inmensidade da natureza a escala humana á vez que se crea unha experiencia contemplativa e subxectiva baseada nunha localización específica en tempo real. Holt escribiu sobre os seus Sun Tunnels, situados no deserto de Utah:
«Non procuraba facer un monumento megalítico. A vista panorámica da paisaxe resulta demasiado subxugante para asimilala sen puntos de referencia visuais (...). A través dos túneles, partes da paisaxe enmárcanse e enfócanse (...) a obra encerra a contorna (...)».
Nancy Holt (1938-2014) e Robert Smithson (1938-1973) desenvolveron formas innovadoras de explorar a nosa relación co planeta e ampliaron os límites da práctica artística. As dúas sesións sobre a obra cinematográfica de Nancy Holt (e en consecuencia, tamén a de Smithson) que presenta o CGAI-Filmoteca de Galicia son unha selección da retrospectiva de catro sesións organizada por Punto de Vista en 2021, a primeira que se organiza en España, comisariada por Garbiñe Ortega.
Textos do catálogo de Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra.
* Citas extraídas de Holt/Smithson Foundation e de Video Data Bank.
Agradecementos: Garbiñe Ortega, Garazi Erburu / Punto de Vista; Lisa Le Feuvre / Holt/Smithson Foundation; Miguel Armas / Light Cone; Karl McCool / Electronic Arts Intermix.