D-Xeneración (II)
Do 1 de novembro de 2007 ao 30 de novembro de 2007
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Las Palmas.
Ciclo coordinado por Antonio Weinrichter e Josetxo Cerdán, distribuído en nove sesións ben delimitadas (oito bloques con diferentes contidos especificados e titulados, ademais dunha sesión especial) polas que asistimos a algunhas das principais e máis novidosas tendencias do documental e as prácticas de vangarda nas periferias do audiovisual español dos últimos anos. O ciclo prosegue durante o mes de decembro.
“A proposta D-Xeneración. Experiencias subterráneas da non ficción española asómase a ese terreo informe no que o documental radicaliza os seus principios e coquetea con outras experiencias (máis próximas á vangarda que á ficción). Non hai no grupo de realizadoras e realizadores reunidos en D-Xeneración unha idea de escola, grupo ou xeración. O traballo dos aquí reunidos non garda maior relación entre si e é posible que moitos deles descoñecesen a obra dos seus colegas antes de formar parte desta mostra (ou que non se recoñezan para nada nela). [...]
Fillos dunha cegadora hibridación ou, polo contrario, dunha radicalización extrema dos seus elementos, producións realizadas maioritariamente en subformatos e que dificilmente alcanzaban a duración dunha longametraxe estándar estaban a ser vistas en festivais alternativos, salas non comerciais, museos, e, incluso, nalgunhas canles televisivas públicas a horas intempestivas...
D-Xeneración pretende, polo tanto, ir máis alá dunha posible Xeración-D (ocumental) que chegou co novo milenio ás pantallas e presentar un traballo á inversa. Ao darlle a volta á terminoloxía podemos falar dunha D-Xeneración nos termos que aquí queremos presentar; e a resonancia de dexeneración que evoca o título parécenos pertinente pois reflicte ese fenómeno de fronteiras borrosas ou diluídas entre as prácticas convencionais que tanto preocupan aos investigadores actuais do cine coñecido anteriormente como documental. Ao centrarnos nesas experiencias escasamente visibles da non ficción, estamos convencidos de poñer o acento nun reenfoque que supera as limitacións do cine como arte —ou como representación do mundo histórico— tal e como se concibiu no século pasado.
Tempos virán nos que a máis que evidente reconfiguración do mapa do cine factual que reflicte este programa deixará de ser noticia. Polo de agora é así e non queremos perder a exclusiva... Pois iso é o que caracteriza a todos e cada un dos traballos aquí reunidos, que se atopan nun lugar máis aló (ou máis acó) do cine e das súas prácticas dominantes.
Por suposto, esta é só unha mostra, con toda seguridade moi incompleta, pero tamén o suficientemente heteroxénea e viva como para que se lle preste atención agora, no momento en que todos estes autores están crecendo como creadores. Pasen e vexan!”
Antonio Weinrichter e Josetxo Cerdán, texto de presentación do ciclo.
4. Home made movies
Bs.As.
DETESTO EL SENTIMENTALISMO BARATO
5. Nas marxes do real.
SALVE MELILLA
THE TWISTED DREAMS OF A FIXED RIDER / SUEÑO A PIÑÓN FIJO
Agradecementos: Josetxo Cerdán, Antonio Weinrichter, Alberte Pagán, Óscar Pérez, Jorge Torregrossa.