Como un documental, ou os camiños que nos indican as diversas estratexias de narrar o real
Do 15 de outubro de 1997 ao 16 de outubro de 1997
Existe algo no Documental que vai tecendo un nó na túa gorxa. Mira, mira, me está grabando la televisión, alardea o Selas. Existe o nunca visto como documental, o modelo gioconda no sorriso filmado do trinque da monxa de clausura. E existe a tristura sen fin da nena coreana que se queda sen fala porque coa varicela non poderá participar no filme. Existe algo no Documental que te sitúa nos lindes do teu mundo abríndose a outros mundos. Existe esa posibilidade dun discurso amoroso a través de fragmentos do real, da relación co outro. Existe o Documental porque accedemos a relatar as cousas a traveso de efectos, do estilo que identificamos como Documental.
Na pasada primavera a Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago ofertou, pola primeira vez e como experiencia piloto, o Curso de Posgrao «O Guión e o estilo documental». Ao pé dos contidos que adoitan nutrir este tipo de cursos, e que se refiren a aspectos históricos, escolas, teorias e técnicas, tratábase de entrar nese espacio mórbido de ideación, o guión, a producción e a realización dun Documental. Pero, entroques dun traballo escolar máis, o Documental iba ser dirixido por persoas de diferentes orixes, que se caracterizan por diversos modos de narrar e que ensaian propostas que tran para a man un abano amplo de posibilidades na evolución e na negación do anomeado xénero documental.
Patricio Guzmán, o director de La batalla de Chile, construíu Retratos, ese tanteo das persoas, das mulleres do grupo co que traballou, da cidade que vistes como luvas ben a fror de pel, adaptándoas á túa tallaxe. A Cubana Belkis Vega, cineasta de guerra ou de biografías ficcionadas como a de Lekuona, retorna aos clásicos e paladea un seu ciclo de vintecatro horas para Quintana, sinfonía de Compostela. Basilio Martín Patino, un dos creadores que conformou o noso imaxinario na idea de libertade de linguaxes e con temáticas pouco acomodaticias, o autor de Canciones para después de una guerra ou de La seducción del caos, desenvolve Kompostela Kapital Bravú en que lúe nunha das manifestacións-estrela da nosa particular invención do cotián, ese te aquencer na verité das marxes ou colocarlle a figa ás historias en tempo real. O mundo vai acabar ardido, conclúe Leontina. Xa está todo disposto para que acabe ardido. Como estivo disposto Llorenç Soler, dende a persoaxe colectiva que na Galicia de mediados dos setenta alentou Autopista, unha navallada á nosa terra, para deixarnos na memoria o cine militante e para que Pegadas, esa textura complexa e promiscua do que está a piques de desaparecer, se nos faga visíbel neste compendio a xeito de pequena historia natural. Ou o glamour das diminutas persoaxes vermellas, as trillizas movimentadas por João Botelho para achegarnos os medos e as metamorfoses da visión infantil en Érase unha vez en Compostela...
Os obxectivos do Curso, un Curso que apartires de agora será xa unha oferta habitual do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC, obxectivos arredor das estratexias narrativas a partir do real e da discusión da noción de credibilidade como figura principal do toma e daca co espectador, alóngase ate a televisión como mediación, a variantes referidas á problemática das pequenas produccións e a definición de programas de intercambio, e arriscan a súa especificidade na creación dun espacio transversal entre a Universidade, empresas do sector audiovisual, como neste caso TVG, o Compostela 2000 e cinco directores que dende o mesmo suxeito xeneral, a cidade de Santiago, conclúen percursos tan distantes e disimilares como o é o noso propio modo de mirar.
No cerne destas cinco produccións, que pasan a formar parte da nosa incerta industria cultural, cando vexas algo que che parece como de verdade pensa que estás diante dun relato contado como se conta un Documental.
Margarita Ledo