CINEUROPA: DAN SALLITT
Do 1 de novembro de 2013 ao 21 de decembro de 2013
En colaboración con: Cineuropa.
Unha ocasión única: descubrirmos dunha vez a obra completa dun dos segredos mellor gardados do cine independente norteamericano, Dan Sallitt (1955). Antigo crítico de cine en Los Angeles Reader, Sallitt dirixiu ata o momento tres longametraxes “profesionais”: Honeymoon (1998), All The Ships at Sea (2004) e The Unspeakable Act (2012), todas elas moi influídas polo cine europeo, desde Ingmar Bergman a Eric Rohmer, a quen está dedicada a súa, polo momento, última longametraxe. Nunha recente recensión para o Village Voice con motivo da presentación das súas películas no Anthology Film Archives de Nova York, o crítico Scott Foundas cualificaba a Sallitt como “o mestre modesto” e esas dúas palabras, mestría e modestia, son sen lugar a dúbidas as que mellor definen o seu cine: por exemplo, en The Unspeakable Act é capaz de tratar un tema tan delicado como altamente perigoso, o incesto, sen asomo ningún de escabrosidade, sen ánimo ningún de escándalo, ao contrario, con tanta sensibilidade como atención ás emocións dunha das mellores personaxes que nos ofreceu recentemente o cine americano (reparen na súa protagonista, Tallie Medel).
Agradecementos: Dan Sallitt.