CINE E EMIGRACIÓN
Do 1 de novembro de 2012 ao 22 de decembro de 2012
En colaboración co Consello da Cultura Galega.
Ciclo promovido polo Consello da Cultura Galega co fío condutor das relacións cine-emigración e dous epicentros ben sinalados. Por unha banda, recollemos o apuntamento histórico autóctono facilitado a través das imaxes do NO-DO –un documental, Aires de mi tierra (1958) e unha nova sobre emigrantes en Vigo-, rexistro acaparador da imaxe documental no período da ditadura franquista, ou da longametraxe Tierra de nuestros mayores (1960), do pontevedrés afincado en Uruguai Manuel Arís, emblema do documento da emigración ou material de correspondencia cinematográfica galega destinado ao público residente en Latinoamérica. A última película de Margarita Ledo, A cicatriz branca (2012), contribúe a recuperar de xeito fascinante as pisadas, xestos, ecos e lugares dos fluxos migratorios galegos na Arxentina mesturando sabiamente ficción e fondo documental.
O outro motor deste ciclo pasa polo desprazamento físico, antropolóxico e vivencial aos Estados Unidos. Un filme premiado en Rotterdam e San Sebastián, Norteado (2009) de Rigoberto Pérezcano ou o percorrido sobrevivente desde México, e mais senllas pezas de culto que acaban de exhibir respectivamente a súa versión completa e a restaurada en prestixiosos certames (Venecia; Cannes e Locarno): La puerta del cielo (1980) de Michael Cimino e Érase una vez en América (1984) de Sergio Leone. O filme de Cimino, fermosa e poética superprodución, conducía á creba á United Artists ao tempo que era dolorosamente mutilado. Ofrece un relato que socava a idealización de Estados Unidos como terra de promisión co retrato do inmigrante (neste caso da Europa do Leste) entendido como paria e/ou chibo expiatorio. En Érase una vez en América, o inmigrante, aquí de orixe hebrea, aparece caracterizado de xeito complexo, abocado tantas veces á figura do arribista, o delincuente ou o home de negocios. Leone, último filme da súa coherente traxectoria, finalizaba a ambiciosa triloxía “Once upon a time” -despois de Hasta que llegó su hora (1968) e ¡Agáchate, maldito! (1971)- cun retablo completo e memorable do século XX.
Agradecementos: Margarita Ledo, Silvia Roca.