CGAI 20 aniversario
Do 1 de marzo de 2011 ao 31 de marzo de 2011
A programación do CGAI, a Filmoteca de Galicia, iniciouse un 15 de marzo de 1991. Cúmprense 20 anos de actividade, 20 anos de programación regular, unha etapa ampla e importante que atende desde diferentes perspectivas (autores, cinematografías, correntes, estreas fóra de circuítos ou canles ao uso, percorrido histórico, difusión da produción propia) as mutacións acontecidas no cine -e conglomerado audiovisual- contemporáneo. Seleccionamos como conmemoración unha serie de proxeccións que cobren os diversos campos de traballo do CGAI e que escenifican os logros e/ou iniciativas deste período.
Por un lado parece pertinente a aposta nestes momentos pola iconoclastia narrativa coa estrea (logo do seu pase por Cineuropa) da película de produción galega Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, que obtivo o recoñecemento máis importante da Historia do noso cine, o premio FIPRESCI en Cannes 2010. A dixitalización do material NO-DO relacionado con Galicia permite ofrecer con carácter de primicia varios dos bloques temáticos existentes no que vén sendo unha síntese da ditadura en imaxes. La casa de La Troya (1924) aparece como un título silente restaurado desde o CGAI –ano 2003, con Filmoteca Española-, co agasallo do acompañamento musical ao piano de Javier Pérez de Azpeitia. Por outro lado, a proxección dun dos títulos recentes que mellor ensambla as pezas e amosa as derivacións que constitúen a memoria –o detritus- do cine, Decasia (2002), do estadounidense Bill Morrison, coroa esta tentativa de proporcionar unha semana de celebración para o espectador.
Agradecementos: Oliver Laxe, Felipe Lage, Martin Pawley, Javier Pérez de Azpeitia, José Luis Castro de Paz, Héctor Paz, Cristina Bernáldez, Filmoteca Española, Bill Morrison.