Antonioni Documental
Do 1 de novembro de 2010 ao 23 de decembro de 2010
O apaixonante proxecto de exploración do home moderno emprendido na súa traxectoria polo autor de La aventura (1960) e Blow-up (1966) atopa un apropiado complemento nas súas imaxes filmadas con natureza documental. Xa El grito (1957) co seu evidente trasfondo real traía lembranzas dos primeiros traballos de Antonioni –en particular a curtametraxe Gente del Po (1943-1947), localizadas ambas no val do Po-, contribuíndo a crear unha xeografía asimilada como manifestación anímica interna do pesar do protagonista, tratado como un espazo en movemento, sen distinción coas formas, volumes ou liñas figurativas que o acompañan, en plena sintonía coa precariedade que posuirán sempre as figuras humanas de Antonioni, unha correspondencia lóxica cos baleiros, tempos mortos e inacabamentos que conforman todo o seu universo. O ciclo Antonioni Documental, promovido por Daniela Aronica, abarca catro sesións, unha dedicada aos primeiros documentais, a maioría previos á súa estrea na ficción coa longametraxe Crónica de un amor (1950) que comprende os traballos Gente del Po, N.U. Nettezza Urbana (1948), L’amorosa menzogna (1949), Superstizione (1949), Sette cane, un vestito (1949), La villa dei mostri (1950), Vertigini (1950) e Tentato suicidio (1953), episodio da película colectiva L´amore in cittá formulado como un filme-enquisa en torno a superviventes de tentativas de suicidio. Outra sesión estrutúrase cos documentais dirixidos polo cineasta italiano nos últimos anos: Ritorno a Lisca Bianca (1983), Fotoromanza (1984), Khumbla Mela (1989), Roma 90 (1990), Noto Mandorli Vulcano Stromboli Carnevale (1992), Sicilia (1997) e o autorretrato La mirada de Michelangelo (2004). Dous achegamentos doutros (Enrica Antonioni, e un fiel colaborador, Carlo di Carlo) máis a súa viaxe á China de Mao en 1972 (Chunk Kuo-China) completan este ciclo imprescindible, análise da produción máis descoñecida dun dos pais da modernidade fílmica.
En colaboración con: IVAC-La Filmoteca de Valencia, Zinebi, Filmoteca de Catalunya, Sa Nostra, Cinemateca UGT e Filmoteca de Cantabria.