O cine de Warren Sonbert protagoniza o mes de outubro na Filmoteca de Galicia xunto cos festivais Intersección e Animacción

  • A cinemateca da Xunta abre o mes cun ciclo arredor do cineasta experimental estadounidense, organizado en colaboración coa Filmoteca de Catalunya e o Círculo de Bellas Artes de Madrid.
  • A programación inclúe tamén o peche da retrospectiva de Kleber Mendonça Filho e  novas entregas de ‘Fóra de serie’ e de ‘Materiais para unha historia do cine en Galicia’.
  • Intersección desenvolverá parte da súa programación na sala José Sellier do 13 ao 17 de outubro, mentres que Animacción ocupará as últimas sesións do mes, do 28 ao 31.
O cine de Warren Sonbert protagoniza o mes de outubro na Filmoteca de Galicia xunto cos festivais Intersección e Animacción

A Filmoteca de Galicia abre a súa programación de outubro cun ciclo dedicado ao cineasta experimental estadounidense Warren Sonbert, principal foco propio dun mes no que a sede da cinemateca da Xunta na Coruña acollerá tamén parte das programacións dos festivais Intersección, do 13 ao 17 de outubro, e Animacción, do 28 ao 31.

A carteleira mensual da Sala José Sellier complétase co peche da retrospectiva dedicada ao brasileiro Kleber Mendonça Filho, novas propostas dentro da sección Fóra de serie e novas entregas de Materiais para unha historia do cine en Galicia, con tres sesións centradas na conservación e difusión do patrimonio audiovisual.

O ciclo Ponte aérea: o cine de Warren Sonbert, que se desenvolverá ata o 10 de outubro, está comisariado por Francisco Algarín Navarro e Carlos Saldaña e foi organizado pola cinemateca galega en colaboración coa Filmoteca de Catalunya e co Círculo de Bellas Artes de Madrid.

A proposta combina seis sesións dedicadas á súa filmografía con tres clásicos de Dziga Vertov, Douglas Sirk e Alfred Hitchcock, sobre os que o propio cineasta escribiu ao longo da súa vida. Así, poderán verse La sexta parte del mundo (día 2), Escrito en el viento (día 6) e Marnie, la ladrona (día 9), xunto a títulos de Sonbert como Carriage Trade, The Tenth Legion, Whiplash, Honor and Obey, Where Did Our Love Go? ou Hall of Mirrors.

Presentacións dos comisarios do ciclo

A retrospectiva abrirase ás 18,30 h. desta mesma tarde cunha conferencia de Francisco Algarín Navarro sobre a obra do realizador, acompañada pola proxección de Divided Loyalties. O propio Algarín presentará as primeiras sesións do ciclo, mentres que Carlos Saldaña, as da semana que vén.

Por outra banda, a filmoteca pecha este mes o ciclo dedicado a Kleber Mendonça Filho con dúas das súas películas máis recentes, vencelladas ambas á súa cidade natal, Recife. O día 20 proxectarase Retratos fantasma, documental no que percorre a memoria das salas e espazos cinematográficos da cidade, mentres que o día 21 será a quenda de El agente secreto.

No marco da sección Fóra de serie, o día 8 prográmase La noche está marchándose ya, de Ezequiel Salinas e Ramiro Sonzini, cunha presentación deste último, mentres que o día 22 chegará La deriva (Dust), de Tsai Ming-liang, último capítulo da serie arredor do personaxe do Caminante, filmado en San Sebastián. A sección inclúe tamén Prime Time: A True Story, de Gus Van Sant, e Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo.

Neste mesmo apartado, a cinemateca da Xunta celebrará o Día do Cine Español o 6 de outubro coa exhibición da restauración de Angustia, de José Antonio Nieves Conde, preparada por Filmoteca Española para a ocasión. A sesión será presentada polo historiador José Luis Castro de Paz, especialista na obra do director, e terá entrada de balde.

Festivais e patrimonio audiovisual galego

Entre os días 13 e 17, a sala José Sellier acollerá distintas sesións de Intersección, festival apoiado pola Xunta de Galicia. A programación inclúe seis bloques internacionais, unha sesión arredor de Eva Giolo e Aula CREA, e dúas propostas de Square Eyes.

Xa na última semana do mes, Animacción desenvolverá do 28 ao 31 o seu Concurso Infantil, o Concurso Galicia e o Concurso Xeral, ademais de pases con O mellor de Annecy 2026 e O mellor de Annecy Kids 2026. Tamén se proxectarán Little Amélie, de Maïlys Vallade e Liane-Cho Han, e Olivia y el terremoto invisible, de Irene Iborra Rizo.

A programación complétase co regreso da sección Materiais para unha historia do cine en Galicia. O día 23, unha sesión comisariada por Pepe Coira a partir dos fondos conservados no arquivo da Filmoteca achegarase á obra do cineasta afeccionado Rafael Luca de Tena. O 27 de outubro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, proxectarase unha selección de obras de José Bellver Álvarez e recuperaranse as restauracións dos cinco filmes producidos por Víctor Ruppen entre 1975 e 1977: Fendetestas, Illa, O herdeiro, O cadaleito e O pai de Migueliño.