Kill Bill: The Whole Bloody Affair
Uma Thurman, Lucy Liu, Vivica A. Fox, Michael Madsen, Daryl Hannah, David Carradine, Julie Dreyfus, Chiaki Kuriyama, Sonny Chiba, Gordon Liu Chia-Hui, Michael Parks
- 275 min.
Unha antiga asasina de elite, coñecida comunmente como a Noiva, esperta dun coma de catro anos logo de que o seu antigo xefe e amante, Bill, lle pegase un tiro na cabeza, estando embarazada, no día da súa voda. Decide dar caza ao que fora o seu mentor e aos catro membros do Escuadrón Asasino Víbora Letal que o asistiron no día da matanza.
-
'Kill Bill: The Whole Bloody Affair': más larga, más excesiva, más sangrienta
Marta Medina del Valle (El Confidencial)
Every Change to Kill Bill: The Whole Bloody Affair
Rick Worley (na súa canle de YouTube)




Kill Bill supuxo un xiro na carreira de Quentin Tarantino, que dende aquela se internou na exploración metadiscursiva, posmoderna e lúdica dos xéneros cinematográficos populares que marcaron a súa mocidade, primeiro como ávido consumidor dos programas dobres que se pasaban en Los Angeles, despois como traballador dun videoclub, no que devoraba centos de filmes deste estilo, e que nutriron a súa formación cinéfila. En Kill Bill a exploitation dos setenta, a fórmula rape and revenge, as tolas coreografías hongkonesas dos Shaw Brothers, o kung fu, os filmes de yakuzas –a fita está dedicada a Fukasaku Kinji–, o anime máis violento e unha sorte de spaghetti western crepuscular bátense xuntos para destilar, en palabras do propio autor, o filme máis tarantiniano de todos, o que dalgunha maneira mellor resume o seu legado.
Inicialmente partida en dous volumes para a súa distribución nos anos 2003 e 2004, Tarantino presenta aquí a versión íntegra do director, que non puido verse agás nalgún pase contado ata 2025. Esta inclúe unha secuencia inédita de animación; certos cambios de montaxe no que era o primeiro volume, agora algo máis pausado e en consonancia co segundo; máis planos na batalla contra os Crazy 88, na que ademais se recupera a cor –na versión de 2003 estaba parcialmente en branco e negro para que a violencia non resultase tan gráfica–; prescinde de cliffhanger e de introdución ao segundo volume, o que achega outro choque dramático á secuencia final; e o público conta cun intermedio para tomar unha pausa nun filme que supera as catro horas e media.
Kill Bill como sempre a concibiu o seu autor, e en gloriosos 35mm, como tamén é preferencia do director.