Crónica de los años de fuego
Waqāʾiʿu sinīna l-jamri / وقائع سنين الجمر
Yorgo Voyagis, Leila Shenna, Mohammed Lakhdar-Hamina
- 177 min.
A través dos ollos dun campesiño, segue diversos acontecementos históricos entre 1939 e 1954 que explican o contexto que desembocou na guerra da independencia por Alxeria. Rodada con grandes medios, ao estilo dunha superprodución épica, é un dos filmes máis relevantes da historia do cinema alxeriano. Obtivo a Palma de Ouro en Cannes.
Restauración apoiada pola Hobson/Lucas Family Foundation. Esta restauración fai parte do African Film Heritage Project, creado pola The Film Foundation, FEPACI e UNESCO – en colaboración con Cineteca di Bologna – para axudar a localizar, restaurar e difundir o cinema africano.



Unhas palabras do director
Mohammed Lakhdar-Hamina
Non me gusta a demagoxia. Non quixen facer unha película sobre a guerra de Alxeria. En primeiro lugar, xa non é momento de axustar contas. E demasiado fanatismo no mundo devolve ao home á súa confusión. Amo o meu país, gústame que a xente coma ata saciarse e se sinta como na casa. O que me interesa é sondar o corazón dun home para tentar adiviñar e despois contar ata onde chega o seu valor, a súa confusión ou a súa covardía. Aínda que vivín como adulto a chegada da independencia do meu país, de neno coñecín os grandes momentos da súa colonización. E na mirada dun neno cóase máis humor, sentido común e reflexión que no ollo fanático do adulto. Por iso desconfío da hipocrisía política. Os mesmos erros poden repetirse doutra maneira. O oráculo da miña película segue existindo hoxe en día. A memoria popular nunca morre. Cando Miloud marcha ao final da película, é porque transmite a tradición oral a un neno, pero non morre, senón que renace unha e outra vez. En Alxeria preocupa que poida facer a secuela, a mesma película hoxe en día, na que Miloud ben podería, no seu chamamento á reflexión, seguir dirixíndose aos nenos e aos mortos, dado que os vivos son capaces de tanta covardía. Engadirei que a miña película se rodou en Panavision con son magnético, pode que, ademais de pola miña paixón polo cinema e a técnica, para contradicir a todos os pseudorrevolucionarios para os que unha película «pura» e «militante» debe ser torpe, en 16 mm, en branco e negro, feita co que haxa a man. Iso tamén é racismo. Quero que se saiba que, tanto no plano técnico, deliberadamente coidado, como no ideolóxico, Crónica de los años de fuego é para min o que son os recordos, sen mentiras, cun afán de desmitificación.
En entrevista con Anne de Gasperi (Le Quotidien de Paris, maio de 1975). Tradución propia do francés.