Porriño en Buenos Aires
- 63 min.
O máis semellante a unha viaxe no tempo. A historia dos emigrantes de Porriño en Bos Aires a finais dos anos 1920. Filme epistolar para tender pontes entre ambos os lados do Atlántico.
Dixitalización 4K a 18fps realizada a partir dos materiais en 35mm conservados na Filmoteca de Galicia e financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.




A productora cinematográfica Valle
Manolo González
Porriño en Buenos Aires foi realizada pola empresa Cinematógrafica Valle, unha das máis activas do primeiro tercio de século en América do Sul.
Nacido en Italia en 1880, Federico Valle chegou a Buenos Aires en 1911 con 31 anos. Previamente traballara en París na empresa de Méliès como operador cinematográfico, recorrendo América, Europa e Asia. Foi ademais o primeiro operador que filmou unha toma aérea desde un avión. Tras chegar a América, comezou como exhibidor en Mar de Plata, e deseguida montou un laboratorio para o titulado de películas estranxeiras. Pouco a pouco foi organizando un equipo de colaboradores —que produciron a maioría dos documentais industriais de Arxentina na década dos 20— que logo farán carreira no cine arxentino, como Antonio Merayo ou Moglia Barth. A Film Revista Valle foi o primeiro noticiario arxentino. Apareceu semanalmente desde 1920 durante dez años consecutivos (657 edicións). As cámaras de Cinematográfica Valle rexistraron máis de mil documentais, percorrendo Arxentina de norte a sul. Algúns deles son moi orixinais para a época, de costoso orzamento e sen ningunha finalidade comercial. Federico Valle estaba firmemente convencido da importancia da cinematografía para difundir e potenciar a imaxe dun país
Tamén produciu numerosas películas de argumento: Milonguita, Patagonia, Adiós Argentina ou La canción del gaucho (unha das primeiras películas sonoras arxentinas). En 1918 filmou El apóstol, unha das primeiras longametraxes de animación realizadas no mundo. Así mesmo, patentou o primeiro sistema de subtitulado de películas dialogadas noutros idiomas.
A súa empresa desapareceu a mediados da década dos trinta, cando Valle se arruinou porque invertira cáseque tódolos seus recursos nun proxecto de ensino mediante películas nas escolas, proxecto cancelado polo goberno xurdido do golpe de estado do 6 de setembro [de 1930]. Previamente, en 1926, sufrira un crudo golpe co incendio que destruiu tódalas suas instalacións e parte dos seus arquivos.
Ó final, empobrecido e esquecido, tentou vende-los seus invalorables arquivos filmicos, e ,como ningúen se interesaba por eles, mercounos unha fábrica de peines para aproveitar o celuloide. Retirouse e viviu austeramente nun rancho das montañas de Córdoba.
Así pois, Porriño en Buenos Aires emmárcase na producción industrial da casa Valle. Iñoramos quen foron os seus autores directos, pero o feito de que fose producido pola Cinematográfica Valle dalle valor engadido a este documental, xa que tamén forma parte do patrimonio cinematográfico de Arxentina.
Do folleto da restauración. Xunta de Galicia (1994).