Lucía Seles: + fragments x los q vivir
Do 25 de novembro de 2025 ao 29 de novembro de 2025
Lucía Seles é, probablemente, a máis orixinal das cineastas vivas en lingua hispana. Nada en Bos Aires, a súa obra está moi marcada pola produción rápida de imaxes e o uso da palabra escrita, que conecta coa estética dixital do cinema contemporáneo. Porén, o seu pensamento rápido e montaxe sincopada revelan algo completamente propio, alleo a correntes ou tendencias, difícil de prever. Os seus filmes son sempre unha experiencia sorprendente que converte a sala de cine nun lugar de descuberta e de xogo: Seles improvisa e espreme os espazos cotiáns como unha fonte de imaxinación inesgotable. Polifacética e desbordante, non é doado facerlle xustiza con palabras: no seu cine (ou os seus “vídeos”, como ela os chama), é Lucía, dalgún xeito, a que se autonarra. Os seus filmes, case secretos, son unha performance que aglutina materiais, personaxes e códigos tan variados como extraordinarios.
Dentro da relativa escuridade na que aínda se mantén o seu cine (tamén debido ao carácter críptico de quen o firma; á dificultade para entender, se non é dende as entrañas da película, os fíos que as conectan como partes dunha estrutura en constante cambio), no noso país coñecémola a través da súa TETRALOGÍA DEL ODIO DESENCADENADA, ou TETRALOGÍA DEL TENIS. Para tratar de asir o seu carácter poético e intransferible, tomemos prestada a súa propia linguaxe e describamos os filmes desta saga: SMOG EN TU CORAZÓN (2022), “¿cuán difícil es cuando una persona es dueña de un complejo de tenis y mezcla eso con sus otros sentimientos?”; SATURDAY DISORDERS (2022), “una final de tenis no profesional unida a un via-crucis no famoso aparte q la soledad es sin duda es la virgen la madre y la + linda hermana de todos los planes todos los días de la semana”; WEAK RANGERS (2022), “ni el frío ni las tormentas te pueden calmar al estar frente a un nuevo jefe que no querrías”; e TERMINAL YOUNG (2023), “un hombre de ojos claros q gracias a su mejor amigo es contador de un complejo de tenis se rebela al universo y a si mismo y será contador de unas florerías”. Tamén o seu spin-off FIRE SUPPLY (2024), “x q los podcast tienen un limite una persona q ama a su madre + q a su padre querría fabricar hielo o acero o sino tener un cementerio para q su madre no sufra x nadie”.
Nestes filmes introdúcese a súa particular marca de humor absurdo, a coralidade e os numerosos vencellos que unen as súas numerosas personaxes, así coma os xiros e as rupturas da forma que caracterizan o seu particular expresionismo. No seu seguinte proxecto máis ambicioso, THE URGENCY OF DEATH (2023) —primeira dunha saga que aínda se multiplica e ramifica mentres falamos; unha das súas crías é a máis curta AVENIDA SAÉNZ 1073 (2025)—, o seu cine vólvese máis autoficcional. É obrigado destacar a colaboración de Lucía co cineasta e produtor Gonzalo García-Pelayo, pois a sinerxía entre a directora e esta familia española foi crucial para a súa visibilidade no noso país e condicionou o ‘xiro galego’ dunha filmografía que agora tamén se roda aquí, e que continúa en THE BEWILDERMENT OF CHILE (2025) e GALLEGA INVERNAL (2025). Seles empápase doutras xeografías e culturas, mais tamén as modifica, as luciaselesiza, transformando o que significa ser chileno (identidade que ela asume pese a ser de Bos Aires), ser español ou ser galego.
Porque nada é permanente: nin a nacionalidade, nin o nome (cando fai o papel de actriz e guitarrista, Seles chámase Selena Prat), nin a identidade (é videógrafa, dramaturga, músico, grafómana, romántica e moitas cousas máis). Todo, mesmo as estruturas de pensamento, pode reinventarse e renomearse: o número 1 non existe, ao 00 séguenlle o 02 e o 03 e terminan no 16; unha película é un “vídeo” e o que estrutura o seu fluxo artístico son os “fragments”, a súa unidade mínima de expresión. Ás veces, desde a montaxe, discute vía texto co seu propio material filmado, e nin sequera o máster final, os títulos ou as sinopses están a salvo de cambios. Mesmo coñecéndoa persoalmente, todo o que podemos dicir de Lucía semella anecdótico e fragmentario sobre o papel: que lle gustan os autobuses, as confeitarías, as listas e os programas de españois viaxando polo mundo. Porén, todo iso é fundamental para entender e vivir o seu cine, que non é outra cousa que a expresión dunha personalísima sensibilidade. Tomando de novo prestadas as súas palabras:
“todo nace de que soy grafómana y no puedo parar de escribir, estoy como en guardia las 24 horas… Mi fortaleza es lo que más respeto de mí misma. Todo lo que me hace ilusión está en mí. Duermo con 04 biromes al lado, o 02, 06 o 08, con cinta scotch en la cartera y estoy encerrada en eso. Ahí tengo infinitos fragments que me hacen ilusión grabar. De ahí salen muchos videos, algunos que son centrales y otros no, pero todos muy queridos. Fuera de esa guardia todo me hiere”.
Este ciclo presenta, por primeira vez en Galicia, unha mostra dos filmes de Lucía Seles. Contaremos coa presenza da cineasta, que nos mostrará un anaco do seu mundo.
Noah Benalal e Irene Castro – Roedor
Smog en tu corazón
The Urgency of Death
Terminal Young
The Bewilderment of Chile