
Van Gogh
Jacques Dutronc, Alexandra London, Bernard Le Coq, Gérard Sety
- 160 min.
Maio de 1890. O pintor Vincent Van Gogh chega á localidade de Auvers-sur-Oise e instálase nunha modesta pensión na que establece relación cun admirador da súa obra, o doutor Gachet e a súa filla Marguerite. Van Gogh comeza con ela unha relación afectiva. Traballando por momentos de maneira compulsiva e arrastrado cara á loucura, con visitas ocasionais ao seu irmán e protector Théo e a prostituta Cathy, Pialat presenta de novo a súa procura ou esixencia de verdade, a plasmación dun proxecto que perseguiu durante 30 anos, unha homenaxe ao mesmo tempo á súa vocacion de pintor. Cesar ao mellor actor (Jacques Dutronc).
- Ano:1991
- Países de produción: Francia
- Guión: Maurice Pialat
- Fotografía: Emmanuel Machuel, Gilles Henry
- Montaxe: Yann Dedet, Nathalie Hubert, Hélène Viard
- Produtora(s): Erato Films, Films A2, Flash Films, Action Films
-
Carta a Maurice Pialat sobre ‘Van Gogh’
Jean-Luc Godard (blog Intermedio)
Presentación do filme polo crítico Alain Bergala
En francés, subtitulado no mesmo idioma
Centrífugo e fragmentado
Joël Magny
Ás veces tense cualificado a Maurice Pialat -xunto con algúns outros incluídos na mesma categoría- de «cineasta da Francia profunda». Si, se entendemos a expresión no sentido xeográfico do termo. O seu universo non se limita aos barrios altos da capital, senón que explora máis amplamente as provincias, en particular o Norte (L'enfance nue, Passe ton bac d'abord, Sous lle soleil de Satan), Auvernia (La gueule ouverte), a Auvers-sur-Oise de Van Gogh (daquela plenamente provinciana), ou os suburbios propiamente ditos (Loulou). Cando a acción transcorre en París, segue sendo un París (Police) algo marxinal pero impreciso. Mais esta división xeográfica non ten nin o rigor case xeométrico nin a determinación imperiosa que pode caracterizar a obra de Éric Rohmer. Fóra dalgúns detalles, as tramas e os personaxes poderían desenvolverse sen problema noutro escenario. É máis, estes lugares carecen a miúdo de homoxeneidade dentro de cada película. Abundan as viaxes e as idas e vindas constantes dun lugar a outro. Máis que descentrado, o espazo de Pialat é centrífugo e fragmentado (...)
É neste sentido de conxunto de personaxes aos que os filmes de Pialat dan unha oportunidade, a todos, no que podemos falar dunha Francia profunda, por oposición a unha Francia xerarquizada na que o resto do cinema francés só adoita mostrar a cúspide da pirámide (clase media e media alta). Tomada no seu sentido sociolóxico, a expresión é máis discutible. O cineasta mostra certamente unha predilección por unha franxa social que mestura máis ou menos á pequena burguesía e ao proletariado acomodado. Pero mentres que os personaxes de Chabrol ou Rohmer, por exemplo, se sitúan socialmente cunha precisión maníaca, e a menor diferenza social adquire para eles unha importancia extrema, os de Pialat non obedecen a unha división tan estrita. Pialat indica sempre con precisión a súa orixe social, tanto se ocupan o primeiro plano coma se se limitan a atravesalo. As súas orixes están marcadas mesmo nos seus trazos físicos ou nos seus acentos. Mais atrápaos no movemento da vida, ao longo do tempo, onde sempre se atopan máis ou menos entre dous status, sempre lixeiramente desaliñados con esa orixe. Pensemos, por exemplo, no Dr. Gachet en Van Gogh. Podería ser simplemente un bo burgués amante da arte. Que o é. E no transcurso da película demostra a súa mentalidade e a súa moral de clase. Pero non é en absoluto reducible á súa orixe ou á súa clase social, da que escapa en moitos detalles, aínda que o seu recoñecemento de clase apenas veña pola súa paixón por un cadro. O que en definitiva o converte nun personaxe desagradable é o límite do seu movemento: só escapa superficialmente das súas orixes —o seu interese pola pintura resulta ser moi superficial e cuestionable cando visita o «estudio» de Vincent na casa de Ravoux— e logo volve caer neles. Os auténticos personaxes «pialatianos» están sempre, dun modo ou outro, descentrados, desprazados tanto no espazo como en relación co grupo social (ou simplemente a familia) do que proceden. A maior parte do tempo están en tránsito. Irse, quedar, volver? Non quedan porque non encaixan.
En ‘Centrifugue et éclaté’, por Joël Magny, en ‘Maurice Pialat’ (Cahiers du Cinéma, collection “auteurs”, 1992), pp. 50-53. Tradución propia do francés.