Ready for the Grave
Vrat se do hrobu!
Milan Steindler, Dana Batulkova, Klára Pollertová
- 96 min.
Un sociólogo de trinta anos faise pasar por un alumno máis para estudia-lo comportamento dun grupo de adolescentes do derradeiro curso de bacharelato.
-
-
Cine checo dos 80 Auditorio da Universidade
Ready for the Grave
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm.
- Ano:1989
- Países de produción: República Checa
- Guión: Milan Steindler e Halina Pawlowska
- Fotografía: Miroslav Corsjuk
Notas sobre o programa
É unha comedia esaxerada que narra como un sociólogo de 30 anos, Vit'a Jakoubek, utiliza un peculiar método de investigación para estudia-lo comportamento dun grupo de adolescentes do derradeiro curso de bacharelato. Para realiza-lo seu labor, faise pasar por un alumno máis co consentimento da directora do instituto. Esta situación implica unha segunda mocidade para o investigador, con tódalas implicacións boas e malas: ter que estudiar de novo, castigos, discusións, discotecas e namoramentos. Adapta o seu xeito de vestir ós costumes dos seus "compañeiros" e fai crer que a súa muller e fillos son os seus irmáns. Xorden, pois, toda unha serie de situacións cómicas froito da súa "mentira" ó ter que afronta-las vivencias de adolescente coa súa bagaxe de home casado con opinións e crenzas maduras. O seu novo estilo de vida vaille carrexar problemas familiares, pero tamén lle vai servir para poñer en dúbida o seu xeito estereotipado de vivir ata agora. Decátase de que moitos dos problemas da mocidade están condicionados pola mala educación, os malos exemplos dos adultos e a deteriorada realidade social. Cando chega o final do curso, suspende non cara ós seus profesores, senón cara ós seus compañeiros ó se descubri-la verdade. Perde os seus novo amigos, pero gaña na súa experiencia de revitalización persoal e consegue que a súa muller o perdoe e acepte a súa decisión de modifica-lo estilo de vida. Dado o éxito da súa investigación, encárganlle un novo estudio, esta vez nunha... residencia da terceira idade.