Guerra
- 103 minutos
Cál é a guerra do título? Unha primeira resposta sería a colonial portuguesa en África (1961-1974), aquela que golpeou varias xeracións que aínda viven, soñan, traballan e morren en ambas as xeografías, e cuxa memoria segue lonxe de estar completa hoxe. As anécdotas que corren por Portugal sobre aquela guerra, as pequenas ou grandes historias traumáticas que a xente conta ou cala, nutren o argumento desta película pensada, paseada, conversada e escrita por José Lopes, o actor principal, onda José Oliveira, codirector con Marta Ramos. E quen é, ou mellor dito, quen foi José Lopes? Imposible non preguntalo ao ver Guerra. Poucas presenzas máis intensas e conmovedoras que a súa no cine dos últimos anos. José Lopes é aquí para comezar o seu personaxe, Manuel alias «Manecas», un veterano de guerra que vive, camiña e soña —pesadelos, máis que nada— en Lisboa, que ten unha compañeira da que se arreda e un fillo mellor ca el. Ten tamén unha nai, no cemiterio, a que vai ver ás noites para lle contar as cousas do día. E moitas pantasmas arredor: os compañeiros de batallón sobre todo, os veteranos cos que queda a comer, beber, cantar, chorar, todos presentes aínda que non todos vivos xa. Mais hai un segundo sentido para ese mesmo título, que apunta ao permanente de todas as guerras, as de onte, as de hoxe, as de todos os días. As que non teñen que ver con Manecas senón con Zé Lopes e co mundo todo. Esas son as guerras para as que a película reserva as súas sombras e a súa luz máis crúa, as que condensa, estrutura, elide, simboliza, espacializa, temporaliza. Dío Ana, a psicóloga, nunha das máis extraordinarias secuencias da película, con palabras e imaxes encabalgadas, en canto escoitamos filtrarse o café (o café!): «Fuxiches a África, metícheste nun barco, meses e meses, mataches, viches morrer... e volviches cambiado? Morriches mil veces, matáronte mil veces, mataches mil veces... Salazar? Os negros? O mundo? O diñeiro? Ti?». (Manuel Asín, Festival Punto de Vista 2022)
-
Fóra de serie
Guerra
Paz
Versión lingüística:VOSGFormato:DCPPresentación a cargo dos seus autores.
- Ano:2020
- Países de produción: Portugal
- Guión: José Oliveira, José Lopes
- Fotografía: José Anyónio Loureiro, Manuel Pinto, Pedro Bessa
- Produtora(s): Optec