Tiempo real
- 42 minutos
Nun texto de 1993 Virtuosismo y Revolución, Paolo Virno expón algúns dos compoñentes fundamentais do denominado traballo inmaterial, ao tempo que se pregunta como volver a dotar de (contra)poder aqueles riscos que, como a flexibilidade, a reticularidade, a imaxinación ou a capacidade de improvisación, foran patrimonio dalgunhas prácticas políticas e que, devagar, foron asimilados e rendibilizados polas formas de produción transnacionais ata convertelas en estratexias propias do capital global.
Se ata hai apenas unhas décadas seguiamos pensando o termo “traballo” como produción fronte á reprodución e como concepto vinculado ao emprego asalariado, agora non só falamos de outsourcing, just in time ou hiperflexibilidade, senón que as diverxencias tradicionais eslúense, e as oposicións espaciais e conceptuais entre tempos/lugares de lecer e de traballo non resultan xa operativas: o biotraballo pasa a definir as nosas relacións, a precariedade erosiónanos e reartella as nosas decisións persoais, así coma a elaboración das nosas subxectividades.
Habitantes do “traballo total”, desde os 70 e fronte ao sindicalismo tradicional, o chamamento á deserción produtiva convértese nunha posición de resistencia fundamental. Neste clima redefinitorio e a partir da propia experiencia da autora como traballadora cultural sitúase Tiempo real, un proxecto que, reactivando algunhas cuestións xa formuladas con anterioridade, trata de investigar sobre a posibilidade/oportunidade de construír unha visibilidade e unha narratividade propias da nova clase traballadora.
Afastado do cine militante clásico ou do documental televisivo conservador, este vídeo pretende reflexionar sobre a capacidade de xerar formas políticas efectivas a través de textos (imaxes e palabras) que desaloxen as estratexias da acción do ámbito do traballo asalariado e as reintroduzan, como apunta Paolo Virno, na esfera pública.
Imbricada nunha xenealoxía da que María Ruido se sente partícipe,Tiempo real constrúese conscientemente a partir dalgúns relatos audiovisuais e literarios, e sitúase na defección e a sabotaxe a través dalgunhas “narrativas da negación” (a desestética, a desmontaxe, o fóra de campo, o reencadre, o tempo real do plano secuencia...) para propor a representación como un territorio importante da práctica política.
Estruturado arredor dous eixos – (des)organización e (re)aloxo – que articulan as estratexias antes sinaladas, e coa emblemática película de Chantal Akerman, Jeanne Dielman (1975), como material deconstrutivo fundamental, este proxecto quere ser unha investigación implicada sobre algúns grupos de mulleres europeas que traballan sobre as actuais condicións de precariedade, un traballo que propón unha lectura paralela dalgúns discursos e actuacións feministas e algunhas estratexias de representación como prácticas políticas referenciais. (Catálogo Hamaca)
-
Pensando en cine / Pensando en Galicia
Tiempo real
Presentación e coloquio con Antón Reixa e a escritora e xornalista Ana Romaní. Entrada gratis.
- Ano:2003
- Países de produción: España
- Produtora(s): Fundació La Caixa