John Cassavetes e o "New American Cinema Group"
Do 12 de xuño de 2019 ao 28 de xuño de 2019
O ciclo John Cassavetes e o New American Cinema Group abrangue nove películas de John Cassavetes, as esenciais e máis persoais da súa filmografía, e catro sesións de curtas e longametraxes do ciclo sobre o New American Cinema Group organizado por Filmadrid e comisariado por Olaf Möller.
“(…) as pequenas, bravas e imperfectas películas de Cassavetes constitúen todo un modelo alternativo de cine americano. Máis aínda: son a proba de que se pode escapar ao destrutivo soño americano do éxito e do diñeiro; aos directores de Hollywood enleados no Sistema que suspiran por facer un cine persoal, demostroulles que era posible conseguilo, mais moi poucos (Sayles, Altman) seguiron o seu camiño. (…) Tras graduarse na New York Academy of Dramatic Arts en 1950, dirixe un obradoiro do método para actores desempregados e comeza a actuar en cine e televisión a partir de 1952, co que logra certa sona no papel titular da serie Johnny Staccato (1959-60). Para daquela xa está mergullado na rodaxe de Shadows, froito dunha improvisación colectiva do grupo de actores dun dos seus obradoiros e homologable tanto cos novos cines europeos que daquela están xurdindo (un exemplo de timing histórico) coma co novo cine experimental americano. Jonas Mekas, o seu profeta, desautoriza a segunda versión, máis curta, máis narrativa?, que monta Cassavetes (…). Os premios e a resonancia de Shadows fan que reciba a chamada de Hollywood, da que emerxe escaldado para inaugurar con Faces o xenuíno funcionamento do seu cine de madureza. Esta película de laborioso proceso de rodaxe (catro anos) describe a crónica de trinta e seis horas na vida dunha parella da clase media que ten cadansúa relación extramarital: véndoa (e é sen dubida a máis fermosa da súa feista? obra) comprendemos ata que punto se falsean as relacións humanas nas demais películas, ata que punto están “actuadas” sen chegar ao límite do amor, da dor e do ridículo, ata que punto aos demais actores se lles pide seren cautelosos. O método Cassavetes, que aplica a toda a súa obra posterior, non é descoidado nin mostra un fetichismo pola metraxe bruta, do que ás veces foi acusado: a súa aparencia improvisada é unha simulación e a idolatría polos actores revélase na súa preferencia por dar ao seu cine a textura dun ensaio xeral, sacrificando o acabado (…) para documentar o percorrido emocional dos seus intérpretes. Unha fermosa metáfora desta actitude contense nas escenas finais de Opening Night: a obra de teatro que preparan os seus protagonistas só funciona cando se esquecen do texto e se poñen a improvisar, dramatizando ante o público o seu conflito interno. Para facer aflorar a verdade interior dos seus personaxes, Cassavetes favorece condutas estrañas, momentos de crises, bruscas mudanzas de rexistro: a bebedeira de Maridos, o desequilibrio dos personaxes de Gena Rowlands (magnífica actriz secuestrada polo seu marido para as súas películas) nunha non igualada triloxía sobre a loucura de muller: Una mujer bajo la influencia, Opening Night e Corrientes de amor, onde aparece crepuscular e fisicamente mirrado (xa estaba doente) o propio Cassavetes no que sería o seu último psicodrama mestre. Logo, se cadra por facerlle un favor ao seu compadre Peter Falk, faríase cargo da rodaxe da liviá e decididamente pouco testamentaria Big Trouble (1986); mais é mellor pechar a súa obra con ese momento de Corrientes de amor onde queda mirando á cámara que se afasta del trazando un movemento de retroceso...”
Antonio Wenrichter, “John Cassavetes”, en Antonio Weinrichter e Roberto Cueto, Dentro y fuera de Hollywood. La tradición independiente en el cine americano. Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca, CGAI, Filmoteca Española, Filmoteca de Andalucía, 2004, pp. 439-440.
Coa colaboración de