
Sesión David OReilly
2002-2011
65'. Vídeo. Subt. galego. Presentación a cargo de Fran Gayo, comisario do ciclo. Entrada de balde.
DAVID O'REILLY
“Nado irlandés e residente en Berlín, con só 27 anos O'Reilly é xa un artista sobresaínte, un punto e aparte cunha asombrosa capacidade plástica para reconstruír e interpretar a realidade traballando co que nun universo gobernado por Pixar se considerarían “materiais de derrubo”: sons de 8 bits, pre-renders, animación a partir de ilustracións con paintbrush, vocoders, robots de voz, píxels hipertrofiados...
Os personaxes de O'Reilly, xa sexan fantásticos híbridos animais ou seres lixeiramente antropomórficos, arrastran unha esmagadora carga existencial; nacen, sofren, quedan sós, enferman e finalmente desaparecen sen deixar pegada. O programa que se mostra en “Nervio Óptico” recolle a práctica totalidade da súa obra, desde o principiante (e inédito) Animal ao célebre Octocat Adventures (animación episódica que circulou durante varios meses na rede baixo a falsa autoría dun neno de oito anos). Os escasos momentos de sosego na escolma proporciónanos as contemplativas Black Water e Floaters. E non podían faltar as súas dúas obras mestras, Please Say Something, melodrama sobre o fracaso amoroso nunha parella mixta gata/rato que reproduce case o tempo narrativo dunha atari, nin a máis recente The External World, pesadelo coral ambientado nunha distopía poboada de seres inauditos (un bebé/excremento abandonado pola nai, un asilo para anciáns marca Acme, unha sitcom slasher protagonizada por unha familia disfuncional).
Humanista terrible, ácrata, terrorista dun humor doloroso que o emparenta con ilustres como Luis Buñuel, Roy Andersson ou Dusan Makavejev, O’Reilly quere dinamitar a perfección aséptica á que a animación parece encamiñarse neste comezo de século; esa procura por detallar cada poro de pel, ese inmenso erro de pensar que chega con reproducir ata o mínimo movemento dun músculo facial para outorgar humanidade aos personaxes. A cambio, el reivindica amosar as costuras con orgullo, case como un xesto de rebelión; permitir que o software mesmo que xera as imaxes se infiltre na trama e chegue a provocar emocións” (Fran Gayo).
Curtametraxes (2002-2011): Animal (2002); WOFL 2106 (2006); RGB XYZ (2008); Octocat adventures (2008); ????? (2009); Please say something (2009); Floaters (2009); When you’re smiling (2009); Black Lake (en colaboración con Jon Klassen, 2010); The external world (2011); Crazy if I don’t go crazy tonight (vídeo U2, 2009); Bang (visuais para MIA, 2009); Story of Genky (2011).
Duración: 70 minutos.