Migas de pan
Manane Rodríguez, 2016
109'. DCP. Presentación: M. Rodríguez. Entrada de balde
Migas de pan
(España, Uruguai, 2016)
Dirección: Manane Rodríguez. Guión: Xavier Bermúdez, Manane Rodríguez. Fotografía: Diego Romero. Intérpretes: Patxi Bisquert, Justina Bustos, Ignacio Cawen, Ernesto Chao, Cecilia Roth, Sonia Méndez. Dur: 109'.
Con motivo da exitosa estrea deste último traballo de Manane Rodríguez en Uruguai, o crítico dun xornal local, La Diaria, escribiu que “esta película tería que terse feito hai 20 anos”. Á sociedade uruguaia tócalle interrogarse sobre o porqué de tan singular ausencia, cando cines coma o chileno, o brasileiro ou o arxentino abordaron tanto e tan ben o tema da prisión e da tortura de militantes de esquerdas por parte das ditaduras respectivas entre os 70 e os 80. A nós tócanos, en cambio, dicir que Migas de pan é un documento esclarecedor, doloroso e imprescindible sobre aqueles anos funestos nos que saltaron polos aires os réximes democráticos da zona. Esclarecedor porque, contra a tendencia dominante, non fala de presos homes, senón mulleres: dobremente vítimas, pola súa ideoloxía e polo acoso persoal e sexual ao que foron sometidas. Doloroso porque, malia a seca concisión con que Rodríguez, unha cineasta á que algunha vez deberiamos recoñecerlle a súa coraxe cívica coas vítimas (e non só as uruguaias), e malia tratar un tema tan espiñento, xamais cae no sensacionalismo: é o seu un discurso que pon en primeiro plano outras cousas, coma a solidariedade entre mulleres ou a valentía de quen, unha vez en liberdade, ousa querelarse (e con éxito) contra os seus vitimarios. Claro que non evita mostrar as torturas; mais só para lembrar que estas foron afrontadas como unha técnica masiva polos militares, xamais para provocar a adhesión fácil do espectador.
É imprescindible, en fin, porque contra o cómodo lugar común de colocar estes asuntos no esquecemento, a cineasta volve solicitar a memoria das vítimas, consúltaas (nisto o filme actúa case coma un documental a partir da memoria oprimida) e deixa as súas verbas, as súas accións e a súa estremecedora solidariedade en mans duns actores, todos espléndidos, mais entre os que sobrancea a cegadora Justina Bustos, un verdadeiro achado.
(Mirito Torreiro, Fotogramas)