Integral Kubelka
Peter Kubelka
120' aprox.
Presentación ao coidado de Peter Kubelka. Entrada de balde.
MOSAIK IM VERTRAUEN
(Austria, 1954-1955)
Dirección, produción e fotografía: Peter Kubelka. Duración: 16 minutos.
Loitando contra a incapacidade dos filmes comerciais para explotaren ou exploraren todas as súas posibilidades, Peter Kubelka parte das imaxes apropiadas do filme Alfred Schmeller para desmitificar e pór en cuestión os dogmas e cuestións formais que sustentan a arquitectura fílmica máis o seu debate. A trama ou os usos do tempo son subvertidos nesta primeira peza da súa filmografía.
ADEBAR
(Austria, 1956-1957)
Dirección, produción e fotografía: Peter Kubelka. Duración: 1 minuto.
Primeiro filme métrico do autor austríaco, parte dun traballo publicitario. O material visual do filme é combinado, de acordo con certas regras, cunha consistente alternancia de positivo e negativo.
SCHWECHATER
(Austria, 1957-1958)
Dirección, produción e fotografía: Peter Kubelka. Duración: 2 minutos.
Kubelka subverte o suposto poder das mensaxes subliminares das imaxes. O feito de que un filme proxectado consista en vinte e catro imaxes por segundo constitúe a base do cine métrico e explica as decisións tomadas polo director. Terceira mostra do seu traballo, que deixa ver o carácter de aprehensión dos elementos e do contacto directo coa materia establecidos na súa obra.
ARNULF RAINER
(Austria, 1958-1960)
Dirección, produción e fotografía: Peter Kubelka. Duración: 7 minutos.
Un dos filmes máis absolutamente radicais endexamais concibidos. Unha sucesión de fotogramas negros e transparentes e de son e silencio, ordenados segundo diferentes ritmos e cadencias que, en proxeccións, transfórmanse nunha sucesión de fulgores de luz e de son. O título deriva da amizade de Kubelka co mecenas Arnulf Rainer. A conxunción de luces e sombras, son e silencio foi seguida con posterioridade na súa absoluta redución por Tony Conrad, Paul Sharits e outros.
UNSERE AFRIKARAISE / OUR TRIP TO AFRICA
(Austria, 1961-1966)
Dirección, produción e fotografía: Peter Kubelka. Duración: 13 minutos.
Unha das máis sofisticadas visións na historia do cine, monumento narrativo elaborado case como filme caseiro que retrata antes o carácter do viaxeiro do que o continente percorrido. Unha conexión de imaxes orquestradas con calidade e intensidade.
PAUSE!
(Austria, 1975-1977)
Dirección, produción e fotografía: Peter Kubelka. Duración: 12 minutos.
O mecenas Arnulf Rainer é tamén un artista de intensidade e orixinalidade únicas. Pause! achégase a esta faceta artística e ás propias nocións da arte contemporánea. E, por suposto, faino, pero de xeito radical. Como dixo Jonas Mekas, desintegrándose e converténdose en moléculas, imaxes de movemento e expresión, un orgánico tesouro da natureza.
DICHTUNG UND WAHRHEIT / POETRY AND TRUTH
(Austria, 1996-2003)
Dirección, produción e fotografía: Peter Kubelka. Duración: 13 minutos.
Kubelka toma a metraxe de tres anuncios publicitarios. Entre a captación das suxestións que a imaxe contén, o exercicio esixente de arqueoloxía fílmica e a práctica do ready-made, asistimos a unha exploración da radicalización e da modernidade.