
Off Galicia: Xacio Baño
2009-2012
32’. Vídeo. Presentación a cargo do seu autor. Entrada de balde.
QUENTEFRÍO
(España, 2009)
Dirección e guión: Xacio Baño. Produción: Rebordelos. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: María Zaragoza, Miguel Cuba. Duración: 3 min.
Inicio da pentaloxía de curtametraxes dedicadas aos sentidos. Videocreación que parte de fotografias para contar a vida dunha muller que coñece un home. Fanse mozos, casan, son felices, teñen fillos, todo lles sorrí ata o momento en que o home cambia, saca a relucir a súa verdadeira personalidade e trata de someter a muller. Lonxe de apoiarse no maltrato coma tema principal, a peza fala das ilusións rotas, dos futuros incertos, da destrución dos plans, futuros comúns e soños, do fracaso.
RELACIÓN DE ACORDES
(España, 2009)
Dirección, guión e produción: Xacio Baño. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: Xulio Abonjo, Isabel Naveira. Duración: 11 min.
Carlos e Ana coñécense unha noite nun bar. Gústanse. Quedan para unha primeira cita. De novo o efémero do amor na obra de Baño. O sentido ao que dedica a súa curta é desta volta o ouvido.
ESTEREOSCOPÍA
(España, 2011)
Dirección e guión: Xacio Baño. Produción: María Zaragoza e Xacio Baño. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: Vicente de Souza, Alfonso Ramírez. Duración: 12 min.
Emilio vive só, refuxiado no anonimato dunha grande urbe. Un día ao ir traballar atropélano e perde a visión do ollo esquerdo. Os médicos transplántanlle o órgano doutra persoa e comeza a ver a vida do doador.
Adianto da curtametraxe ANACOS
(España, 2012)
Dirección e guión: Xacio Baño. Produción: Marvin&Wayne e Rebor de los X. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: Mabel Rivera, Fernando Morán, Xosé Barato. Duración: 7 min (aproximadamente).
A vida dunha persoa pode ser tan simple e tan sinxela como a receita dun biscoito. “Anacos nace como evolución formal da miña anterior curtametraxe Estereoscopía. Unha evolución consciente, orientada á procura dun estilo de narración e estético propio. Intento reformularme os códigos, experimentar: Como espremer o fotograma para facelo máis narrativo e expresivo? A curtametraxe trata sobre a brevidade e sinxeleza da vida. Pódese resumir a existencia dunha persoa en dúas frases” (Xacio Baño).