
Pico Sacro
- 80 min.
«Estuda a Terra e os astros do ceo; calquera parte do mundo é unha imaxe abreviada del. Deberás gardar esta frecha durante cen anos e un día. Despois deste tempo, crávaa no val máis amplo de todos os que posúes, coa punta cara ao ceo; entón chegará a Lúa e, da mesma maneira que exerce a súa acción sobre as augas do mar, así actuará sobre a frecha, converténdoa nun monte sacro».
Lenda sobre o Pico Sacro
Inspirándose nas vistas do monte Fuji de Hokusai e nos cadros de Cézanne da montaña Sainte-Victoire, Pico Sacrotrata de revelar a maxia e o misterio que subxacen baixo a realidade.
- Ano:2024
- Países de produción: España
- Produtora(s): Fílmika Galaika
Notas do director
Alberto Lobelle
«A crise actual non está menos vinculada á absolutización da vita activa. Esta conduce a un imperativo do traballo, que degrada a persoa a animal laborans. A hiperkinesia cotiá arrebata á vida humana calquera elemento contemplativo, calquera capacidade para demorarse. Supón a perda do mundo e do tempo. As chamadas estratexias de desaceleración non son capaces de acabar coa crise temporal contemporánea. En realidade, non fan máis que agochar o verdadeiro problema. Cómpre unha revitalización da vita contemplativa. A crise temporal só se ha superar no momento en que a vita activa, en plena crise, acolla de novo a vita contemplativa no seu seo».
Byung-Chul Han, El aroma del tiempo
A idea para esta película xurdiu hai cinco anos, cando estaba a facer sendeirismo polo monte coa familia e vimos, ao final do roteiro, unha montaña maxestosa. A impresión foi enorme e deime conta ao instante de que podería estar horas observándoa; era hipnótica. Sen baixar á miña filla das costas gravei co móbil un plano e comentei que talvez o meu próximo filme tería unha montaña como protagonista. Algún tempo despois, a idea mantiña toda a súa forza na miña mente, polo que pensei que necesitaba rodar esa película.
Mentres preparaba o proxecto estiven a ler toda a información que atopaba sobre o Pico Sacro, á vez que as montañas «sacras» de Hokusai e Cézanne me servían de inspiración. Despois destes anos de traballo, e coa axuda dos meus habituais colaboradores, acabamos este filme titulado Pico Sacro, que ten a intención de mostrar o misticismo e o encanto que reside no mundo.