The Last Flight
Richard Barthelmess, John Mack Brown, Helen Chandler, David Manners, Eliott Nugent
- 80 min.
Traumatizados pola Primeira Guerra Mundial, cinco ex-aviadores norteamericanos néganse á volta á vida civil e vagabundean polos bares de París.
- Ano:1931
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: John Monk Saunders (Novela: John Monk Saunders)
- Fotografía: Sidney Hickox
En 'William Dieterle. Antifascismo y compromiso romántico'
Hervé Dumont
Dieterle afírmase cun golpe mestre, ó levar á pantalla The last flight, baseado no relato parcialmente autobiográfico de John Monk Saunders, un xove émulo de Hemingway. Saunders (esposo da noiva de King Kong, Fay Wray) é seguido de cerca por Hollywood, pois os seus dramas aéreos da Primeira Guerra Mundial como Wings, de Wellman, The legion of the condemned, tamén de Wellman, e sobre todo The dawn patrol, de Howard Hawks, que recibira o Oscar de 1930/31, causan estragos na taquilla. Hal B. Wallis, que xa fora o responsable de que se fixese The dawn patrol, recupera á estrela Richard Barthelmess e pretende, primeiro, confiar The last flight a Wellman, xa que as súas fazañas sobre as trincheiras son lexendarias. As razóns exactas polas que Dieterle obten o proxecto non chegaron ata nós, pero as opinións pacifistas do cineasta alemán, e o desinterese por esta historia «derrotista» dun notorio bravucón como «Wild Bill» Wellman, poderían moi ben ter sido as causas determinantes. Nas súas memorias, Wallis califica a Dieterle como «un dos meus directores favoritos», e á película como: «un film do comezo do sonoro do que sigo estando orgulloso», Para Dieterle, esta pelicula seguirá sendo sempre unha das súas preferidas. Como o seu inglés ainda é defectueso, pide a Blanke, a cargo da produción, que encargue primeiro unha traducción do relato; logo, entusiasmado, lánzase de cabeza ó proxecto. Blanke intenta en vano disuadilo, pois no marco da combativa Warner Brothers The last flight parece unha producción tan marciana como Freaks na MGM.
(...) Toda a película transcorre baixo o signo do absurdo, pero a credibilidade dos seus personaxes consegue resaltar a tristeza opresiva (próxima ás veces á de Three Comrades, de Borzage) que todo este xogo, toda esta gratuidade, intentan ocultar. Rodada cun altivo distanciamento, esa falsa indolencia tan propia da desesperación, The last flight constitúe un documento desgarrador e moi pouco convencional sobre unha xeración perdida», tan querida por Scott Fitzgerald. A pesar de que o seu tema é ingrato, a película non perde diñeiro pois foi rodada nun tempo mínimo -17 días, en abril de 1931-, e explotada, naturalmente, en programas dobles. Por sorte, é ademáis un verdadeiro éxito de crítica.